A Xunta espera que as choivas deste xoves e as do domingo alivien as zonas en risco de seca

Os expertos convocados pola Xunta esperan que a situación mellore a partir do mes de marzo e coa chegada da primavera, dado que as previsións non apuntan a que o resta de febreiro vaia a ser chuvioso, coa excepción do próximo domingo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/02/2022 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

A Xunta mira con optimismo as precipitacións previstas para este xoves e, en especial, as que apuntan ao próximo domingo, nas que confía para que poidan aliviar a situación que atravesan as zonas en risco de seca. Con todo, as miradas están depositadas na primavera, xa que as previsións apuntan a que febreiro continuará co baixo nivel de choivas das últimas semanas.

A Oficina Técnica da Seca, na que están representadas Augas de Galicia, Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural; mantivo este xoves a súa primeira reunión, na que acordaron realizar un seguimento quincenal da situación hidrolóxica en Galicia-Costa, onde está declarada a prealerta por seca na maior parte da demarcación.

Analizar os valores de referencia con especial atención aos niveis de caudal circulante en ríos e mananciais será un dos asuntos nos que os expertos centrarán a súa atención para vixiar o comportamento da conca ante o baixo nivel de precipitacións das últimas semanas.

Así, segundo trasladou a Xunta nun comunicado difundido aos medios ao termo da reunión, os técnicos esperan que as choivas caídas este xoves e, sobre todo, as previstas para o vindeiro domingo axuden a mellorar a situación nos 12 sistemas declarados en prealerta, onde preocupa especialmente o comportamento anómalo do caudal circulante dos ríos.

SISTEMAS EN PREALERTA

En concreto, o Executivo autonómico decidiu declarar o estado de prealerta por seca nos sistemas de abastecemento do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; Costa de Pontevedra, río Lérez e ría de Pontevedra; río Umia e ría de Arousa (marxe esquerda); e río Ulla e ría de Arousa (marxe dereita).

Tamén dá o mesmo paso nos sistemas de río Tambre e ría de Muros; río Xallas, Costa da Coruña e ría de Corcubión; río Castro; río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña ata o río Anllóns; río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo; río Mero, Arteixo e ría da Coruña; e río Mandeo e ría de Betanzos.

SEN INCIDENCIAS CON ABASTECEMENTO

Durante o encontro, encabezado pola directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, os representantes trasladaron que non hai constancia de incidencias vinculadas ao abastecemento de auga.

Así as cousas, os expertos convocados pola Xunta esperan que a situación mellore a partir do mes de marzo e coa chegada da primavera, dado que as previsións non apuntan a que o resta de febreiro vaia a ser chuvioso, coa excepción do próximo domingo.

Encoro de Abegondo-Cecebre, a 9 de febreiro de 2022, en Cambre, A Coruña, Galicia (España). O encoro de Abegondo-Cecebre ten un índice actual de ocupación do 58,75 % cando o máximo permitido no inverno é do 60%. A Xunta declarou o estado d. M. Dylan - Europa Press
Encoro de Abegondo-Cecebre, a 9 de febreiro de 2022, en Cambre, A Coruña, Galicia (España). O encoro de Abegondo-Cecebre ten un índice actual de ocupación do 58,75 % cando o máximo permitido no inverno é do 60%. A Xunta declarou o estado d. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta