A axencia de viaxes Nautalia prepara un ERTE dun ano para 331 traballadores, máis da metade do seu persoal

A compañía ten sete oficinas en Galicia.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/02/2022 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

Nautalia está a preparar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) para 331 dos seus traballadores, máis da metade do seu persoal, por "causas económicas e produtivas", con vixencia a partir do 1 de marzo e ata febreiro de 2023, segundo informou o Sindicato Profesional de Viaxes (SPV).

Oficina de Nautalia
Oficina de Nautalia | Fonte: Google Maps.

A axencia de viaxes de grupo Wamos, que ten un persoal formado por uns 650 traballadores, estívose acollendo á figura de ERTE por forza maior aprobada polo Goberno ante a pandemia e ás súas sucesivas prórrogas.

En Galicia, conta cun total de sete oficinas, situadas en Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol e Vilagarcía de Arousa.

No entanto, ante o fin deste tipo de mecanismo, previsto para o comezo de marzo, a compañía comezou o proceso de negociación para acollerse a este novo ERTE. As próximas reunións coa representación dos traballadores manteranse os días 15, 18, 22 e 24 de febreiro.

As axencias de viaxes son un dos sectores máis afectados pola crise do coronavirus. Desde a Confederación Española de Axencias de Viaxes (CEAV) sosteñen que é "imprescindible" para as axencias de viaxes o establecemento dunha nova prórroga dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) e doutras medidas de apoio ao sector, tal e como lle trasladou esta a a directora xeral de Traballo, Verónica Martínez.

CEAV defende que en termos de facturación, as axencias continúan por baixo do 50% con respecto a 2019, xa que a recuperación das axencias de viaxes está a ser máis lenta, porque son máis dependentes do turismo emisor e das viaxes de negocios e de reunións.

En canto ao emprego, o sector das axencias segue sendo o máis afectado pola pandemia, co 29% dos seus traballadores en ERTE. En concreto, eran 10.792 traballadores das axencias de viaxe os que seguían en ERTE en xaneiro.

O pasado martes, Viaxes El Corte Inglés propuxo un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) para 620 persoas da área corporativa e un ERTE dun ano de duración, cun máximo do 60% para empregados, da área vacacional e turismo de negocios (MICE) e de ata o 40% para servizos centrais. A traballadores da área tecnolóxica quedan excluídos destas medidas.

Así o comunicou SPV, que este venres mantivo unha reunión coa compañía onde sinalou que as medidas "non están xustificadas". A próxima reunión coa compañía será o 15 de febreiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta