Comezan os trámites para exhumar a fosa de Celanova, onde podería haber sete milicianos asturianos fusilados en 1939

O traballo corre a cargo dun equipo da Universidade de Santiago de Compostela e do Goberno de Asturias.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 11/02/2022 | Actualizada ás 20:26

Comparte esta noticia

Un equipo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Goberno de Asturias mantiveron o pasado 17 de xaneiro unha primeira reunión para iniciar os trámites que permitan exhumar unha fosa situada en Celanova (Ourense) onde poderían estar enterrados sete milicianos asturianos fusilados o 22 de setembro de 1939 por un pelotón franquista.

Millán Astray con Franco.
Millán Astray con Franco.

Así o informa o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que explica que Francisco Serrulla, médico forense que forma parte do equipo 'Histagra' da USC, xa viaxou esta semana a Oviedo para realizar as probas de ADN a dúas familiares --neta e filla-- de dous dos asasinados hai xa máis de 82 anos.

Segundo as investigacións realizadas no cemiterio de Celanova polo Comité de Memoria Histórica, tras revisar os arquivos históricos de Ourense e Ferrol, estarían nesta fosa sete mozos milicianos --de idades comprendidas entre os 19 e 36 anos-- que fuxiron por mor da caída de Xixón en outubro de 1937.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que contou "desde o principio" co apoio do Goberno do Principado, organizou o pasado 25 de setembro un acto no Instituto de Celanova --prisión central desde a guerra ata 1943-- no que se divulgou a memoria de dous dos fusilados: Abelardo Suárez del Busto e Marcelino Fernández García.

Por mor disto, Gracia --neta de Abelardo-- visitou Celanova en outubro e Josefa --filla de Marcelino-- entrou en contacto co comité a finais dese mesmo mes e agora xa se iniciaron os trámites para a exhumación e identificación dos restos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta