O PSdeG demanda á Valedora do Pobo que "tome cartas" na investigación dos abusos do La Salle

Compostela Aberta insta ao Parlamento a crear unha comisión de investigación para esclarecer os feitos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2022 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

O PSdeG presentou unha iniciativa parlamentaria na que solicita que a valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, "tome cartas no asunto" na investigación de posibles abusos a menores na Igrexa católica en Galicia a través da elaboración dun informe. A portavoz de Interior e Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, ve necesario que o Valedora do Pobo participe na investigación sobre estes feitos, xa que representa o "alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos e liberdades".

Castro reclama que o informe se elabore "en colaboración con todos os colectivos e persoas implicadas" e dispondo da "total colaboración co Defensor do Pobo". A iniciativa foi asinada tamén polo portavoz de Política Institucional do PSdeG, Pablo Arangüena, quen reclama á Xunta que "facilite a investigación e a prestar toda a colaboración posible para tal fin".

O PSdeG sinala a "necesidade" de "contribuír" a determinar os feitos e responsabilidades, "á reparación das vítimas" e á planificación de políticas públicas para a prevención destes abusos. O partido demanda a creación de protocolos para os centros educativos con "criterios orientadores e procedementos de actuación básicos, pero claros e completos", así como promover a "formación necesaria" para previr estes casos.

Paloma Castro lamentou a resposta do presidente da Xunta ás denuncias, "rexeitando" a investigación a nivel nacional e "relativizando" o papel da Igrexa, e definiuna como "dificilmente comprensible" se se considera que a Igrexa católica "foi a principal institución educativa ao longo da historia" e que na actualidade "ten un papel moi importante".

A portavoz Interior e Xustiza do PSdeG sinalou que os casos denunciados son "graves vulneracións" dos dereitos dos nenos con "importantes repercusións e secuelas sobre a súa saúde e desenvolvemento, condicionando a súa vida adulta". Por iso, sinalou que Galicia "non pode quedar atrás" non impulsando as investigacións, "do mesmo xeito que fixeron outros países" a través de comisións independentes e gobernamentais.

Vista xeral do Parlamento Galego, durante o minuto de silencio en recordo ao falecido conselleiro de Facenda, momentos previos ao comezo do Debate sobre o Estado da Autonomía, no Pazo do Hórreo, a 13 de outubro de 2021, en Santiago de Compo. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Vista xeral do Parlamento Galego, durante o minuto de silencio en recordo ao falecido conselleiro de Facenda, momentos previos ao comezo do Debate sobre o Estado da Autonomía, no Pazo do Hórreo, a 13 de outubro de 2021, en Santiago de Compo. Álvaro Ballesteros - Europa Press

PETICIÓN DE C.A.

Na mesma xornada, Compostela Aberta solicitou ao Concello de Santiago que impulse unha "oficina especial de atención" ás vítimas dos supostos abusos a menores cometidos no colexio La Salle de Santiago nos anos 1980 e que "se persone nos procedementos xudiciais que poidan abrirse a partir desas denuncias".

A portavoz municipal, Marta Lois, sinalou que o Concello debe mostrar "unha condena rotunda" contra os casos denunciados nos medios de comunicación que envíe unha mensaxe "clara" á sociedade. Por iso, a organización levará este mes ao pleno municipal unha iniciativa na que instará o Goberno local a pór a disposición das vítimas, familiares e institucións afectadas os servizos sociais e a asesoría xurídica municipal a través dunha "oficina especial" de atención ás vítimas.

Tamén pedirá ao Concello que "estude a posibilidade" de personarse nas causas xudiciais abertas en Santiago por este tipo de casos para "dar amparo ás vítimas" e converterse nunha institución que "de exemplo". Por último, instarán o Parlamento galego a impulsar unha "imprescindible" comisión de investigación sobre os abusos cometidos en institucións galegas vinculadas á Igrexa e a que se deseñen protocolos de prevención.

Nas últimas semanas os medios estiveron denunciando supostos casos de abusos a menores ocorridos nos anos 80 no colexio La Salle a través de testemuños de exalumnos que se refiren a un profesor xa falecido, o irmán Joaquín Berruguete.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta