O PP promete "escoitar á cidadanía" despois de dificultar as alegacións veciñais contra os eólicos

A Xunta de Galicia reduciu os prazos para presentar alegacións contra os proxectos eólicos á vez que "esqueceu" publicar información vital referida a certas explotacións do vento. Agora, a Comisión de Medio Ambiente do Partido ábrese a "escoitar á cidadanía" para construír unha "Galicia verde".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2022 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

O PP galego mostrou o seu compromiso para que a súa Comisión de Medio Ambiente "escoite á cidadanía para seguir apostando e traballando por unha Galicia verde" despois de lanzar multitude de normas para reducir os prazos de alegación da veciñanza aos parques eólicos.

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o titular de Economía e Industria, Francisco Conde, en Santiago de Compostela. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o titular de Economía e Industria, Francisco Conde, en Santiago de Compostela. DAVID CABEZÓN @ XUNTA

Así o manifestou a vicesecretaria de Axenda Verde do PPdeG, Ángeles Vázquez, quen, en declaracións aos medios este sábado tras reunir o órgano de medio ambiente do partido, fixo fincapé na necesidade de implicar á sociedade en "espazos abertos e de debate" para "nutrirse das súas experiencias e a súa formación".

A tamén conselleira de Medio Ambiente no Goberno autonómico aclarou que para afiliarse ao foro non hai que ser militante do PP, senón que "só hai que querer a Galicia". Así, valorou a implicación dos integrantes do foro, que proceden de perfís tanto sociais como profesionais, con Galicia e o medioambiente.

Tras facer referencia á "dilatada experiencia" de Galicia en termos de medioambiente, explicou que este 2022 será "o ano do clima", xa que o Parlamento autonómico comezará proximamente a iniciar a tramitación da primeira Lei do Clima de Galicia. Explicou que esta lei axudará a "seguir reducindo emisións" e a pór o foco na saúde para que vivir na Comunidade sexa sinónimo de "calidade de vida desde o punto de vista ambiental". Non falou, en troques, da alcumada Lei de Depredación aprobada en 2017 pola propia Xunta de Galicia.

Vázquez resaltou tamén o impulso da Alianza polo Clima, que permitirá que empresas, ONGs e asociacións poñan "o seu gran de area" e que as accións sobre o territorio leven o seu visto e prace. En canto a vivenda, indicou que "hai que investir ben" os Fondos Europeos e "seguir construíndo" fogares sustentables "sen esquecer o papel fundamental da rehabilitación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta