O colexio La Salle anuncia unha investigación interna logo das denuncias por abusos sexuais

Chaman a manter a presunción de inocencia do párroco acusado á vez que piden perdón ás "posibles vítimas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2022 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

A dirección do colexio La Salle de Santiago de Compostela anunciou a apertura dunha investigación interna para esclarecer as denuncias efectuadas por exalumnos que aseguran ser vítimas de abusos durante a súa estancia no centro. Nunha comunicación asinada polo director do centro, Jesús Martín, e dirixida ás nais e pais dos alumnos actuais, a directiva do colexio asegura comezar xa a solicitar "toda a información posible" a través de entrevistas "a persoas que poidan achegar datos relevantes sobre o caso, con independencia de que os feitos prescribisen legalmente ou de que o presunto agresor falecese".

Ao longo dos últimos días, varios exalumnos do colexio compostelán durante a década de 1980 fixeron público testemuños nos que aseguran padecer abusos de índole sexual por parte dun profesor e clérigo falecido hai anos. En relación a isto, tras expresar a súa "absoluta repulsa" polos feitos denunciados e apuntar que a investigación segue as pautas marcadas noutros procedementos abertos tras a aparición de casos deste tipo noutros centros, a dirección apela a manter a presunción de inocencia, á vez que mostra "de forma clara e expresa" a súa petición de perdón "a posibles vítimas e aos seus familiares pola dor sufrida".

"O obxectivo deste procedemento é esclarecer a verdade, cumprindo o noso dobre compromiso legal e moral coas vítimas dos abusos, en liña co procedemento canónico impulsado polo papa Francisco o ano pasado", resalta o comunicado, en que a dirección do centro asegura que, na actualidade, existe un protocolo no colexio compostelán "de tolerancia cero", así como "un código ético para crear unha contorna segura".

A continuación, La Salle mantén que "nos últimos anos" trasladou "xa diferentes denuncias que foron admitidas a trámite pola Audiencia Nacional" e que, mesmo, xa se persoaron como acusación popular en casos "algúns dos cales acabaron en longas penas de cárcere". "Reiteramos a nosa absoluta repulsa cara aos feitos e mostramos o noso total apoio ás persoas afectadas", continúa a carta dirixida a pais e nais, cos que o centro se compromete finalmente a "manter desde a total transparencia unha contorna segura para todos os alumnos".

Colexio de La Salle en Santiago
Colexio de La Salle en Santiago | Fonte: elcompostelano.online

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta