A oposición carga contra Feijóo pola súa posición sobre os abusos a menores na Igrexa católica

A portavoz nacional do BNG critica que o presidente da Xunta "se poña de perfil neste tema" e convídao a que se coñece abusos a menores noutras institucións á marxe da Igrexa, os denuncie. O PSdeG ve a Feijóo en "soidade" coa súa "postura morna" sobre os abusos na Igrexa, que tenta "difuminar". Mentres o PP segue insistindo que a Igrexa non é a única institución onde houbo abusos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/02/2022 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou "sorprendente" e "curioso" que cando o papa reclama que haxa unha comisión de investigación sobre as denuncias de abusos presentadas no seo da Igrexa, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "se poña de perfil neste tema".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, nunha entrevista con Europa Press, no seu despacho do Parlamento
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, nunha entrevista con Europa Press, no seu despacho do Parlamento | Fonte: César Arxina - Europa Press.

Despois de que Feijóo apostase nas súas distintas declaracións públicas por investigar supostos abusos de todas as institucións, Pontón dirixiuse ao mandatario autonómico para instarlle a que "se sabe que hai abusos non investigados noutros ámbitos, debería presentar unha denuncia".

A dirixente nacionalista incidiu en que os abusos denunciados son "casos estremecedores" e situacións concretas que transcenderon. "É fundamental que non se mire cara outro lado, é unha cuestión que ata o propio papa sinalou", salientou Pontón.

Así as cousas, a portavoz nacional do Bloque considerou "sorprendente" que Feijóo se "poña ao carón en grao sumo carca" da Conferencia Episcopal.

PSDEG

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, criticou a "soidade" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na súa posición sobre os abusos a menores no seo da Igrexa, unha cuestión "gravísima" na que non caben "posturas mornas nin intentos de difuminar o enfoque".

Álvarez instou o mandatario autonómico a rectificar a súa postura manifestada ao longo das últimas semanas, nas que, cuestionado especificamente sobre os abusos a menores na Igrexa por mor da comisión de investigación que quere pór en marcha o Goberno no Congreso, Feijóo apelou en varias ocasións a que se investiguen os abusos cometidos en "todos" os ámbitos.

Para os socialistas, a de Feijóo é unha postura "morna" que, mesmo, está por baixo do nivel de contudencia da propia Igrexa como, segundo Álvarez, quedou demostrado coas declaracións do arcebispo de Santiago, Julián Barrio, a pasada semana, cando manifestou o seu apoio á citada comisión de investigación.

Claridade na investigación, apoio ás vítimas e reparación dos danos son os alicerces sobre os que os socialistas cre que deben asentarse o proceso aberto para clarificar as denuncias.

PPdeG

O portavoz parlamentario do PP galego, Pedro Puy, aliñouse coa postura que mantén o xefe do partido e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ante as denuncias de abusos sexuais a menores no seo da Igrexa porque entende que estes episodios deben ser investigados "fose cal fose o seu contexto".

"O que defende Feijóo é que se estamos de acordo en investigar os abusos a menores, debemos facelo en todos os ámbitos. É o razoable, que persigamos este tipo de delitos en todas partes, non só en algunhas", sinalou Puy ao ser preguntado en rolda de prensa pola apertura dunha comisión de investigación para esclarecer as denuncias por abusos que incumben a membros da Igrexa.

Puy, que quixo recoñecer publicamente a posición favorable a que se investiguen os casos manifestada polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio; reiterou que comparte con Feijóo que "todos" os abusos a menores deben ser investigados con "independencia" do contexto no que se produciron.

Así, sinalou que existe "un caso moi específico", en alusión ás denuncias de abusos a menores tutelados en Baleras, no que "houbo moi pouco interese" por indagar que ocorrera e que os partidos que, segundo Puy, hoxe promoven a investigación sobre a Igrexa "votaron en contra" da crear unha comisión parlamentaria respecto diso.

"Aqueles que piden investigar o que fixeron algúns membros da Igrexa, é coherente que o fagan tamén aquí", apuntou Puy, que emprazou a coñecer os termos da proposta do PSdeG que pide que o Valedor do Pobo elabore un informe sobre posibles casos de abusos sexuais a menores en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 6GC6

Que oposición? Non hai.