A Xunta avisa que os posibles cambios de normas europeas á pesca de fondo afectaría varias artes menores

Recorda que teñen un uso "moi estendido" en Galicia.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/02/2022 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

A Xunta alertou que os posibles cambios das normativas europeas para limitar a pesca de fondo pon en perigo a continuidade de artes menores que teñen un uso "moi estendido" en Galicia. Así o trasladou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, despois de participar este luns nunha reunión do Consello Galego de Pesca, que abordou os plans das autoridades europeas para regular as artes de fondo en augas comunitarias.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, preside, por videoconferencia, o pleno do Consello Galego de Pesca
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, preside, por videoconferencia, o pleno do Consello Galego de Pesca | Fonte: Conchi Paz - Xunta de Galicia.

A Administración autonómica faise eco das preocupacións do sector ante a posible implantanción de medidas restritivas ao amparo da Estratexia de Biodiversidade para 2030.

Estes cambios, segundo sinala a Xunta, "complicarían a actividade dun importante número de embarcacións e podería derivar na perda de buques e empregos", polo que administración e sector comprometéronse a redobrar esforzos para "facer ver ás autoridades competentes que todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben .

Así as cousas, o departamento que encabeza Rosa Quintana remitiu un informe á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DX MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, no que se trata de probar "a escasa pegada de carbono e a nula pegada hídrica que teñen moitas artes de arrastre de menor tamaño".

Doutra banda, o Goberno galego solicitou os informes "biolóxicos, económicos e sociais" sobre os que se sustenta a ampliación das zonas con limitacións á pesca con artes de arrastre en augas comunitarias.

Así as cousas, o Consello Galego de Pesca reivindica que "todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben", polo que se compromete a trasladar estudos sobre as modalidades que, ao seu xuízo, están ameazadas e sobre o impacto socioeconómico que suporía restrinxilas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta