Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2022 | Actualizada ás 20:00
A agricultura ecolóxica segue medrando en Galicia. Así se destila das cifras ofrecidas co gallo da chegada da feira BioCultura á Coruña, que estará entre o 4 o 6 do marzo vindeiro no recinto de Expocoruña. O evento de expoturismo expón, asemade, o trunfo do sector ecolóxico galego, sometido a un crecemento "incesante". E é que en 2020 o país rexistraba xa 32.000 hectáreas de cultivo ecolóxico, un 126% máis que dez anos antes.
Estes datos "brillantes" no tocante ao espallamento da superficie cultivada concéntrase nas provincias do interior, onde podemos achar o 86% da superficie total. Lugo, concretamente, dispón de algo máis do 52% da superficie ecolóxica total galega. Os organizadores da feira inciden, por outro lado, que Galicia xa conta con máis de 1.300 operadores de bioalimentos e unha cifra de negocios de case 110 millóns de euros.
En 2020, xa son 1.310 os operadores rexistrados no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, un 10,83% máis que no ano anterior. 369 deles están afincados en Lugo e 122 en Pontevedra. O crecemento é tal que desde 2013 a cifra de operadores galegos duplicouse. Se tomamos como referencia 2021, os elaboradores cuadriplicáronse e hoxe representan un cuarto dos rexistrados. Dos produtores primarios, un 43% son agricultores e un 40%, gandeiros.
No tocante ás vendas de produtos ecolóxicos certificados galegos, estas creceron en 2020 máis dun 16% con respecto ao ano anterior. "Falamos de 108.366.111 euros", inciden con orgullo dende a organización. 63 millóns corresponden á gandería, un 58% do volume de vendas. Con máis do 27% da facturación, A Coruña é a provincia que máis factura. Lugo despachou máis de 35 millóns de euros de produtos certificados. A horticultura ecolóxica galega tamén segue crecendo.
SAÍDA Á CRISE
Por outro lado, destacan un incremento dos produtos de orixe animal. "O leite segue liderando o mercado galego. En 2010, as vendas do sector mariño ecolóxico galego apenas representaban un 100 mil euros: hoxe xa están en 6,26 millóns de euros. A recollida de produtos silvestres remonta e crece un 72% con respecto ao ano anterior", engaden. Á marxe do leite, os produtos cárnicos, as conservas de peixe e os ovos mostran tendencias claramente alcistas. Con todo, baixaron algunhas actividades vencelladas á restauración, circunstancia que vencellan ás restricións sanitarias.
O modelo 'eco' podería servir como saída á aguda crise que sofre o sector primario galego, axexado por unha inflación de pensos e combustibles que golpea sobre unha marxe de beneficios de por si delicada. O carácter historicamente familiar e reducido das explotacións galegas fainas idóneas para este modelo de produción de alta calidade, distante das tan afeadas macrogranxas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.