Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2022 | Actualizada ás 18:11
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pediu ao Ministerio de Transportes e a Adif unha reunión para abodar unha planificación para dotar a alta velocidade en Galicia de ancho ibérico internacional. Así o reclamou a conselleira en declaracións aos medios despois de que Adif sinalase o luns que será o grupo de traballo creado a nivel estatal, que busca estudar e definir unha estratexia global de explotación para toda a rede ferroviaria, o que decida sobre o ancho de vía en Galicia.
Respecto diso, Ethel Vázquez alertou de que deixar a Galicia coa rede de ancho ibérico actual suporá "deixar colla a alta velocidade" nesta comunidade, tendo en conta que "non se lle permitirá sacar a máxima potencialidade".
A conselleira destacou que o obxectivo da Xunta e "de todos os galegos" é que o tren de alta velocidade chegue ao resto de cidades galegas tras chegar o pasado mes de decembro a Ourense e estes trens teñan as "máximas prestacións". "Que nos permitan conectarnos e competir en igualdade de condicións co resto de España e con Europa", sinalou.
Ademais, indicou que a Xunta fixo "súa" a planificación do propio Adif e do Ministerio de Transportes para dotar de ancho internacional a rede galega polo que demandou ao Executivo estatal que reúna "canto antes" á comisión técnica para "abordar conxuntamente os plans concretos" que manexan o Goberno.
A conselleira considerou necesario coñecer as consecuencias da decisión de Adif de deixar a Galicia coa rede de ancho ibérico. "Cremos que non se permitiría conseguir a máxima potencialidade da alta velocidade a Galicia e impediría a entrada de novos operadores a parte de Renfe", advertiu. "Impediría que se cumpran os tempos comprometidos e competir co resto de cidades, impediría que os trens de alta velocidade poidan alcanzar 300 quilómetros por hora na liña habilitada para iso entre Santiago e Ourense e, como dicía, impediría estar en igualdade de condicións para conectarnos e competir co resto de España e de Europa", subliñou.
A conselleira explicou que a Xunta non reclama que a migración do ancho ibérico a ancho internacional "sexa de forma inmediata" senón que considera necesario que esa planificación "que xa existe e que tiña o propio Adif e o ministerio" se aborde de forma paralela a outras obras que están planificadas ou en marcha.
"Están a darse todas as condicións para que exista unha planificación concreta para esta migración, que ten que ser antes do 2030 porque é a condición que pon Europa para os corredores europeos", sinala a conselleira, que sostivo que se trata dun "prazo razoable" para evitar que se estea "deixando colla" á alta velocidade en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.