Galego de sempre. Por sempre.

Falo galego de sempre. Nacín nun barrio conformado maioritariamente por xentes vidas da aldea que, en moitas vilas e cidades ao longo dos anos 60 e 70, reproduciamos día a día os sons e xiros sintácticos da nosa lingua, mesmo falando en castelán.

Por Farruco Graña | | 17/05/2014

Comparte esta noticia
Vivimos os anos da presión sobre o uso do galego tanto directa e explicitamente (castigarnos por falalo na escola, ser reprendidos por usalo en público) como indirecta e sutilmente (valorarnos menos porque o galego non era fino). Pero a configuración social dos barrios das nosas urbes posibilitaba que sobrevivise a nosa lingua pois, dun ou doutro xeito, o pouso de xeracións agromaba da nosa memoria colectiva. Cantas veces, falando en castelán, non nos temos atopado na tesitura de ter que expresar algún sentimento ou situación en galego porque, doutra maneira, non nos daba xeito?
 
A transformación social e económica que estaba a atravesar o país non ía ser en van; tampouco para a nosa lingua. Semellaba que vida na urbe ía asociada inexorabelmente a castelanización. O vello tópico de «galego, da aldea» reforzábase cada vez máis. Nunha viaxe a Mérida, sendo eu mozo, quedei moi sorprendido por ver, un día de mercado, labregos e vilegos xuntos na praza e non achar por ningures as diferenzas sociais reflectidas na lingua. Pero aquí, hai quen quere usar a lingua para dar de menos a outros. E cando é tan evidente a imposibilidade de tal identificación galego-aldea, xurde o estigma político. “Entón é que es do Bloque”.
 
Tras ter acadado o consenso político en torno á lingua despois de moitos esforzos, intereses espurios botaron pola borda o esforzo colectivo de moitos anos. Por primeira vez o galego ía estar, cando menos, ao mesmo nivel que o castelán como lingua vehicular no ensino. Pero non, chegou o comandante e mandou parar. A reacción da sociedade galega foi exemplar. Un movemento social transversal mobilizouse como nunca a prol da nosa lingua. Un tema que semellaba adormecido espertou de novo o interese incluso de sectores da poboación que non se identificaban explicitamente coa reivindicación lingüística. Outra cousa é que en determinados eidos esa resposta fora silenciada, incluso con ridículas técnicas de manipulación informativa. Pero o traballo cotián de todo o noso tecido asociativo segue a lograr cada vez máis adhesións ao uso normal e espontáneo do idioma galego en todos os ámbitos da nosa vida.
A lingua galega permítenos estar no mundo de xeito diferenciado. Márcanos positivamente. Fronte á uniformización, fainos diferentes. No momento económico e político no que estamos non queda outra que optar: uniformización e disolución perdendo a nosa peculiaridade ante o mundo, ou supervivencia mostrando con orgullo e naturalidade o que nos destaca. Velaí o valor económico da nosa lingua. Ou non lembran como os produtores de pementos de Padrón optaron por cambiar a súa denominación de orixe? Agora son pementos de Herbón. Diferenciáronse. E sobresaen por si mesmos.
 
Clarexado este principio, a botármonos mundo adiante. Para o cal temos dúas vías ben importantes. A primeira, e por ligazón directa coa historia da nosa lingua, o portugués. Son vostedes quen de imaxinar que Extremadura remate por ser a ponte entre España e Portugal? De todos os países lusófonos? De seguido, e por razóns de imposición histórica, o castelán. Negar tal feito, a súa imposición, sería faltar á verdade. Pero ignorar que nestes momentos supón unha riqueza, absurdo. Como absurdo é pensar que por aprender galego reducimos a nosa capacidade para estudar outras linguas. Ben ao contrario: todos os especialistas destacan que o coñecemento de dúas linguas facilita moito máis a aprendizaxe doutras. O paradoxal destes prexuízos é que pódenos facer esquecer que quen se gaba de bilingüe é monolingüe pechado; e quen quere poñer en primeiro lugar ao galego, é estigmatizado como se non quixera saber outras linguas. E iso non é certo.
 
Falantes de vello, neofalantes, cada un coas súas peculiaridades, como diferenzas hai entre mozos e vellos, entre xentes do mar e do campo, obreiros, funcionarios ou empresarios… temos por diante a oportunidade de profundar no uso e dignificación da nosa lingua, de nós mesmos como comunidade. Tal e como aspiramos a facer cada día mellor o noso traballo, tal e como desexamos mellorar os nosos coñecementos, tamén debemos aspirar a mellorar o noso galego. Ninguén vai pedir un café ou unha cervexa cos xiros dun estudo xurídico nin dun especialista en lírica medieval ou física cuántica, pero tampouco por iso imos inculcar aos nosos fillos e fillas que galego é sinónimo de informalidade e vulgaridade. As apelacións á ignorancia só xeran máis ignorancia, na lingua que sexa. Saibamos aprezar os distintos rexistros e variantes do noso idioma, pero estimemos positivamente o bo que é mellorar no seu uso. Quen valora a súa lingua, valórase a si mesmo e valora o seu. E está en mellores condicións de saír polo mundo adiante para vender os seus produtos ou para poñer en marcha os seus proxectos. Quen se respecta a si mesmo farase respectar ante os demais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Farruco Graña Nacido en 1966, é licenciado en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor de secundaria en Tapia (Asturias) En 2007 publicou a novela "O bosque de Nadgor".