Nace unha nova empresa con base tecnolóxica na USC que audita a calidade do aire para frear a Covid

Os investigadores da USC Alberto Pérez Muñuzuri, Alberto Otero Cacho e Jorge Mira Pérez forman parte do equipo promotor de 'VentilatioLab', unha spin-off que optimiza a calidade do aire.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/02/2022 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

A obtención dunha calidade do aire óptima en espazos pechados, minimizando o impacto da COVID-19 e outros virus, é o xermolo de VentilatioLab, a spin-off da USC que acaba de ver a luz e que reduce a capacidade de transmisión de patóxenos e contaminantes aéreos. Esta nova empresa desenvolve unha tecnoloxía propia que, a través do cálculo de dinámica de fluídos, establece cal debe ser a localización e número dos ocupantes de cada espazo para mellorar a salubridade do aire. “A chave é a identificación de dominios de fluxos de aire illados dentro do propio espazo, de forma que os aerosois exhalados polos ocupantes nun dominio non alcancen a outros e, polo tanto, non sexan inspirados polos demais ocupantes do espazo”, explican os promotores desta iniciativa. 

Nace VentilatioLab, unha spin-off que optimiza a calidade do aire en espazos pechados para frear a COVID-19 e mellorar as condicións de habitabilidade.
Nace VentilatioLab, unha spin-off que optimiza a calidade do aire en espazos pechados para frear a COVID-19 e mellorar as condicións de habitabilidade. | Fonte: USC

VentilatioLab é froito do traballo dun equipo de investigadores da Facultade de Física da USC. Alberto Pérez Muñuzuri, Alberto Otero Cacho e Jorge Mira Pérez — aos que se unen o tamén físico Pablo Criado Boado e o economista Ramón Tubío Villanueva, como director— son os impulsores da iniciativa. O equipo investigador parte da súa experiencia en física de fluídos e o estudo do seu comportamento en gran diversidade de contextos —incluíndo meteoroloxía e oceanografía—, experiencia que xa foi aplicada con éxito ás novas necesidades de control de ventilación tras a crise da COVID-19.

 

Desta forma, a tecnoloxía que desenvolve a nova spin-off da USC, centrada na auditoría do aire en espazos pechados, xa foi validada con éxito en contornas de hostalería e educación. Así, a comezos de 2021, os investigadores da USC presentaban unha aplicación en liña dirixida a centros escolares de toda Galicia coa que optimizar o tempo de ventilación nas aulas en función das características propias dos centros.

OPTIMIZACIÓN DO ESPAZO, CAPACIDADE E CALIDADE DO AIRE

As predicións que elabora VentilatioLab poden ser explotadas dende a fase de deseño arquitectónico e enxeñería de ventilación, para así garantir que os espazos públicos de nova creación posúan uns fluxos de correntes óptimos dende o punto de vista da saúde. “VentilatioLab permite entender as necesidades de ventilación de cada local singularizado e achegar solucións sinxelas para mellorar a calidade do aire”, explican os responsables da empresa. “Optimizamos a ocupación e capacidade dun espazo, garantindo a calidade do aire e mantendo separadas as burbullas”, engaden.

No caso de ser necesario, esta spin-off da USC valora a necesidade de inclusión doutras entradas de aire forzadas que permitan a creación de compartimentos illados mediante correntes de aire que eviten o intercambio de nanogotas entre os diferentes grupos de ocupación. Como resultado, obtense unha optimización do espazo, da súa capacidade e da calidade do aire. Grazas aos servizos que presta a empresa, minimízase o impacto de virus como a gripe ou a COVID-19, e mellórase o confort dos seus ocupantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta