Crise PP: Revilla ve a Feijóo presidente do PP e este pide un "punto de encontro" entre Casado e Ayuso

O presidente de Cantabria non descarta que o líder do PPdeG saia moi beneficiado desta crise. González Formoso di que o PP non fai política. A "obriga" é pedir desculpas e dar explicacións aos españois e aos votantes. Baltar traslada a súa "lealdade" a Casado.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 18/02/2022 | Actualizada ás 11:12

Comparte esta noticia

O presidente de Galicia e barón rexional do PP, Alberto Núñez Feijóo, pediu ao líder do seu partido, Pablo Casado, que sente a falar con Isabel Díaz Ayuso tras a polémica pola suposta espionaxe ao seu irmán por recibir cartos da presidenta madrileña, para que non sexa necesario "chegar a un congreso para solucionar un problema".

"Todos estamos con Casado, pero este asunto ten que resolvelo sentando con Ayuso e dándolle unha solución ao partido, porque o partido non merece a situación na que está neste momento", trasladou nunha entrevista a esRadio, recollida por Europa Press.

Feijóo asegurou que "non se pode deixar aberta esta ferida para un congreso" e que cando hai un conflito cun presidente autonómico ou cun presidente do goberno "o presidente do partido ten que actuar". "A dirección dun partido non está para ampliar un problema, senón para solucionalo", engadiu.

"Onte --polo xoves-- equivocámonos dunha forma contundente e pertinaz", recoñeceu o líder dos 'populares' en Galicia, que apuntou que a "obrigación" é pedir desculpas e dar explicacións aos españois e aos votantes.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o presidente do PP, Pablo Casado; o candidato do PP á presidencia de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o presidente do PP, Pablo Casado; o candidato do PP á presidencia de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso | Fonte: Claudia Alba - Europa Press.

FEIJÓO

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, lamentou este venres o "espectáculo" vivido o xoves entre a dirección do PP e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e pediu "capacidade de reacción" e un "punto de encontro" para "liquidar a hemorraxia que está a sufrir o PP".

Feijóo reiterou o seu apoio ao presidente do PP estatal, ao que pediu que "solucione un problema que o partido non merece". "Reitérolle o meu apoio e a miña lealdade para que busque unha solución a un problema que os votantes, os militantes e o conxunto dos españois, neste momento, non merecen", dixo.

A continuación, sostivo que "o espectáculo" deste xoves "non beneficia a ningún dos dirixentes do PP" e, máis aló, "prexudica a unha alternativa de goberno que é a única posibilidade de cambiar a un moi mal Goberno".

Para Núñez Feijóo, "é moi difícil pedirlle aos votantes que se unan na contorna dun proxecto de centro dereita como o PP" se "acreditan que o que non está unido é o propio partido". "Neste contexto, onte foi un día moi desafortunado, e agardo que teñamos a suficiente cintura e a suficiente capacidade de reacción para liquidar a hemorraxia que está a sufrir o PP", sinalou o presidente galego, que confiou en que Pablo Casado "acerte coa súa decisión" e "busque un punto de encontro entre a dirección nacional do partido e o Goberno da Comunidade de Madrid".

Sobre esta última cuestión, Alberto Núñez Feijóo reduciu "o problema" a un enfrontamento entre un goberno autonómico e a dirección do partido. "O PP non está en crise, o que hai é un desencontro profundo e lamentable entre a presidencia da Comunidade de Madrid e a dirección do partido", engadiu. 

FORMOSO: "ISO NON É POLÍTICA"

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, referiuse a a crise no Partido Popular co enfrontamento de Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso ao asegurar que iso "non é política". "A política é unha actividade na que a honestidade e a decencia deben prevalecer sempre", sostivo.

Nun comunicado remitido aos medios, o líder dos socialistas galegos cualifica de "sorprendentes" as declaracións feitas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por centrar o foco sobre a investigación interna entre os seus compañeiros de partido.

González Formoso puntualizou que "o grave non é que se investigue a alguén do PP" senón que "se asuma que todo vale, de destruír ao adversario político con tal de permanecer no poder, sexa compañeiro ou non".

O líder dos socialistas galegos lembrou a Feijóo que o fondo da cuestión radica en que "a presidenta dunha Comunidade autónoma permita a contratación a dedo por un familiar próximo cunha comisión do 20 por cento, por moi legal que sexa".

O socialista lembrou que se trata de "vender máscaras no momento no momento no que non as había e coa poboación denunciando os prezos exorbitantes e especulativos dun elemento básico de protección".

"Nunca me metín na vida orgánica de ningún partido político nin vou facelo agora, pero si é certo que estamos ante dun asunto extremadamente grave que está a afectar á imaxe de España no mundo", sinalou.

PONTÓN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu de que "a corrupción forma parte do ADN do PP". "Cambian as caras, pero a vella corrupción segue aí, con prácticas que pon os pelos de punta", asegurou, para lamentar a reacción do presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, a quen afea que a súa proposta sexa "tapar" o caso internamente e metelo "debaixo da alfombra".

"Paréceme gravísimo que a señora Ayuso, no medio dunha pandemia, co mal que o estaba pasando a xente en Madrid, adxudicáselle un contrato a unha empresa para beneficiar ao seu irmán. É o propio PP o que di que levou unha mordida de case 300.000 euros", advertiu.

REVILLA VE A FEIJÓO COMO LÍDER DO PP ESTATAL

O presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, desexou que o PP atope "un camiño" para solucionar o conflito entre a Dirección nacional e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e non descarta que sexa a través da celebración dun congreso no que xurda como líder "a figura dun galego", en alusión ao presidente de Galicia e barón rexional do partido, Alberto Núñez Feijóo.

"Se cadra non é aventurado dicir que teña que facer algún congreso e que emerxa algunha outra figura que non sexa nin o señor Casado nin a señora Ayuso. Iso non é descartable, e como sempre hai un galego nas nosas vidas, pois non é de estrañar que apareza de novo", opinou en declaracións aos medios sobre a "guerra" entre a presidenta madrileña e o líder do PP, Pablo Casado, tras detectar "un rumor moi fundado de prácticas xa corruptas" por parte do irmán da primeira.

O presidente cántabro, que fixo estas declaracións en Los Corrales de Buelna, onde acudiu para inaugurar a nova biblioteca municipal, defendeu que Casado "quere facer un partido absolutamente limpo" xa que non ten "nada que ver con esa época na que se roubou tanto", aínda que tamén recoñece que este rumor contra Ayuso "pode ser a ocasión para facer sangue e acabar cunha presidenta que se cadra opta a liderar o partido".

LEALDADE DE BALTAR

O presidente do Partido Popular ourensán, Manuel Baltar, trasladou a súa "lealdade ao presidente nacional", Pablo Casado. "Creo que non hai dúas persoas, creo que hai un presidente nacional", sentenciou Manuel Baltar manifestando que a elección de Pablo Casado foi resultado dun congreso no que participaron todos os que resultaron elixidos compromisarios.

O presidente provincial apelou á "tranquilidade" e asegurou que a situación que atravesa o partido será resolta pola propia formación, como "xa o fixo noutras ocasións". "Máis cedo ou máis tarde resolverase", apuntou o presidente da Deputación de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta