Defensa da Sanidade Pública ve "ilegal" contratar médicos sen especialidade para reforzar Primaria

Avisa de que se poden atender demanda segundo as necesidades asistenciais, "actuarán de médicos de familia sen acreditación para iso".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/02/2022 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública considera, ante a incorporación este luns de 14 facultativos sen especialidade para reforzar a Atención Primaria en Galicia, os denominados técnicos de saúde, que "esta media instaura unha porta de acceso ilegal" porque "ningún médico pode, por lei, traballar no Estado español na sanidade pública sen o título de especialista homologado".

Dúas persoas acoden a un centro sanitario en Ourense a vacinarse
Dúas persoas acoden a un centro sanitario en Ourense a vacinarse | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Puntualiza que a Consellería de Sanidade indicou que, ademais de funcións burocráticas, "poderán atender demandas segundo as necesidades asistenciais" o que, advirte a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, "indica que actuarán de médicos de familia sen acreditación para iso".

Para esta asociación aínda que inicialmente a contratación destes médicos sen especialidade "é por dous meses", esta medida "instaura unha porta de acceso ilegal na sanidade pública e en Atención Primaria".

Respecto diso, considera que esta decisión "demostra a ausencia dunha planificación racional das necesidades de médicos pola Consellería de Sanidade", xa que "a maioría dos centros de saúde teñen gravísimos problemas asistenciais por falta de persoal" o que "obrigará á poboación a soportar listas de espera intolerables".

Por iso, cre "inaceptable que se recorra a este parche" que, a xuízo desta asociación, "pode supor unha volta atrás". "Primeiro desmantélase a Atención Primaria e permítese que os médicos de familia e enfermeiras marchen de Galicia e agora ábrese unha vía (de xeito evidente ilegal), inicialmente excepcional, pero que pode supor a flexibilización no acceso a postos de especialista no Sergas, mediante outros procesos alternativos á vía MIR".

Esta asociación sostén que se a Xunta "de verdade quere resolver os problemas da Atención Primaria ten as conclusións do Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia, desde o 20 de novembro de 2021 nun caixón". Ese traballo, sentenza, "debe servirlles para solucionar os problemas e así crear o novo modelo de Atención Primaria en Galicia". "Se non o fan é porque non queren", sentenza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta