Persoal laboral da Xunta pide a intercesión da Valedora para abrir unha mesa de negociación sobre a temporalidade

Queren que se "aclare" cantas prazas temporais están afectadas pola Lei 20/2021.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/02/2022 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

Representantes do persoal laboral da Xunta presentaron este martes un escrito ante a Valedora do Pobo para solicitar que inste o Goberno galego a abrir unha mesa de negociación en relación ás prazas temporais deste grupo laboral, afectadas pola Lei 20/2021.

A valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, en comparecencia en comisión parlamentaria.
A valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, en comparecencia en comisión parlamentaria.

Segundo explicou o presidente do comité intercentros, Manuel Gallardo, o obxectivo é que a Valedora inste á Dirección Xeral de Fundión Pública a que "convoque a unha reunión ao persoal laboral" e "aclare" cantas prazas temporais están afectadas por esta lei.

Esta norma establece que, antes de xuño, deben identificarse estas prazas e "publicar a oferta de emprego" a través de dous "procesos distintos", un para as que estean cubertas con anterioridade ao 31 de decembro de 2015 e outro para as que se cubriron con posterioridade.

"Entendemos que é imprescindible que nos sentemos a negociar e a aclarar que prazas están afectadas e como", dixo Manuel Gallardo, que aclarou que, segundo os seus datos "estimativos", a Xunta ten entre un 50 e un 54 por cento de temporalidade.

En decembro, "axiña como se publicou a norma" que busca "converter o emprego temporal en emprego fixo nas administracións públicas", os traballadores presentaron un escrito pedindo "unha mesa de negociación urxente", que se "identificasen as prazas" e que se "abrise un calendario de negociación".

Posteriormente, o colectivo reiterou esta petición de negociación, pero, con todo, non houbo "ningún tipo de comunicación" coa Xunta, polo que decidiron pór a situación en coñecemento da Valedora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta