Unha sentenza recoñece o dereito dunha nai monomarental a recibir as prestacións durante 32 semanas

Argumenta que o contrario sería afirmar que un menor cun único proxenitor necesita menos número de semanas de coidados.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/02/2022 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 da Coruña recoñeceu o dereito dunha nai a recibir as prestacións acumuladas por nacemento e por coidado do seu fillo durante 32 semanas, en lugar das 16 recoñecidas que teñen as xestantes.

Bebé recén nado
Bebé recén nado | Fonte: Europa Press

A demandante, segundo consta na resolución, foi nai o 5 de marzo de 2021, constituíndo unha familia monoparental. Con motivo dese nacemento, o 22 de marzo presentou ante a Delegación do Goberno a solicitude de prestacións por nacemento e coidado de menor, indicando a súa condición de familia monoparental, pero a administración só lle recoñeceu o dereito á prestación por coidado de menor de 16 semanas.

En xuño dese ano, reclamou que se lle recoñecese o dereito do seu fillo a ser coidado durante 32 semanas pola súa única proxenitora, é dicir, durante as 16 semanas que xa lle recoñeceron máis os 16 restantes que a lexislación recoñece para o coidado dos menores nados nunha familia biparental, pois corresponden ao permiso do outro proxenitor que non é nai biolóxica.

O maxistrado subliña na sentenza que os permisos "se contemplan en beneficio do menor e para atender os coidados que precisa". A inexistencia dun proxenitor, segundo a resolución, "non pode fundar un menor número de semanas como dereito a recoñecer, pois sería tanto como afirmar que un menor cun único proxenitor precisa de menor número de semanas de coidados e atención que un menor nado con dous proxenitores".

O xuíz considera que a discriminación indirecta é "evidente", pois destaca que o número de familias monoparentais formadas por mulleres é "significativamente maior que o integrado por homes". Por iso, considera que ao privarse dese dereito á acumulación do permiso ás familias monoparentais "non se está operando neutralmente unha interpretación da norma, senón que dita interpretación se proxecta negativamente só ou maioritariamente sobre as mulleres".

Na resolución, incide en que a protección do menor debe presidir a aplicación da norma. "Non estamos ante unha pretendida discriminación por indiferenciación, como parece entender a actora, senón, lonxe diso, ante unha discriminación por diferenciación, diferenciación entre nenos nados en familias monoparentais ou en familias biparentales", destaca o maxistrado.

OUTRAS SENTENZAS

Este fallo xudicial súmase a outras dúas sentenzas pioneiras en Galicia coñecidas en xuño de 2021, nas que se recoñeceu o dereito de dúas nais de familias monoparentais a gozar das 12 semanas (as que tiñan nese momento os pais) de permiso correspondentes ao segundo proxenitor no caso dunha familia biparental.

Trátase de sos sentenzas ditadas polos Xulgados do Social número 3 de Ourense e número 1 de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta