Temas: FRASEOLOXíA

“Facer as súas necesidades # os seus mandados # os seus feitos”, equivalentes, entre outras, á castelá “hacer sus necesidades”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 27/02/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

É visto, e de todos sabido, que a expulsión das feces e/ou dos ouriños nas persoas resulta un fenómeno tan natural coma o alentar e coma a vida mesma (ben certos estamos de que non poucos lectores habían escoitar iso de que caga o rei, caga o papa, e de cagar ninguén [se] escapa), mais, dado que forma parte da intimidade de cadaquén, é moi habitual que se empreguen expresións eufemísticas para dar conta das ditas accións. Vexamos algunhas delas:

Emoticono dun zurullo de merda
Emoticono dun zurullo de merda

Hacer sus[mis, tus...] necesidades

{= Expulsar as feces e/ou os ouriños.}

Facer as súas[miñas, túas...] necesidades

Facer os seus[meus, teus...] mandados

Facer os seus[meus, teus...] feitos

[E MAIS]:

Facer unha necesidade

Ex.: Antes, y no hace aún tanto tiempo, no había baños ni agua corriente en las casas, y no pocas veces la gente tenía que hacer sus necesidades de campo.

Nalgún día, e non vos hai aínda tanto tempo, non había nin baños nin auga corrente nas casas, e non pouca xente tiña que facer as súas necesidades os seus mandados os seus feitos unha necesidade de campo.

● Tamén, englobando todos os casos que se reflictan a partir de agora a expulsión das feces:

Hacer de/del cuerpo && Dar de/del cuerpo && Hacer de/del vientre && Mover el vientre && Exonerar el vientre && Hacer de su persona

Facer de/do corpo && Obrar de corpo && Dar de corpo && Facer de ventre && Obrar de ventre && Ir de ventre && Ir a maiores

Ex.: Nalgún día, e non vos hai aínda tanto tempo, non había nin baños nin auga corrente nas casas, e non pouca xente tiña que facer de/do corpo obrar de corpo facer de ventre obrar de ventre ir de ventre ir a maiores de campo.

● Así mesmo, inda que dificilmente precedidas do verbo ir na perífrase incoativa ir + infinitivo (véxase a nota 1):

Ir por fóra && Andar de ventre

Ex.: Nalgún día, e non vos hai aínda tanto tempo, non había nin baños nin auga corrente nas casas, e non pouca xente tiña que ir por fóra andar de ventre de campo.

● E mais, como formas verbais en por si (isto é, como non fraseoloxismos):

[COMO VOCES CULTAS]: Defecar && Evacuar && Deponer && [E COMO FORMA VERBAL NON EUFEMÍSTICA]: Cagar

[COMO VOCES QUE PODERIAMOS CONSIDERAR EUFEMÍSTICAS]: Obrar && Ensuciar && Aliviar && Rexeitar && Descomer && [COMO VOCES CULTAS]: Defecar && Evacuar && [E COMO FORMA VERBAL NON EUFEMÍSTICA]: Cagar

● E tamén, basicamente asociadas a ámbito de uso familiares ou coloquiais, e sobre todo precedidas dos verbos ir ou estar:

Plantar un pino && Hacer una diligencia && Despedir a un amigo del interior && Mandar # Poner un fax

Arriar as calzas # os pantalóns && Facer un traballo (que ninguén pode facer por el[por min, por ti...]) && Botar un tirabeque && Escribir unha carta && Botar unha carta ó correo && Mandar # Enviar # Escribir un fax && [E TAMÉN, COMO EXPRESIÓN TIRADA DA LINGUAXE DOS CABAQUEIROS OU TELLEIROS]: Arriar o gallo

● Igualmente, nesta mesma liña, nomeadamente para indicar que alguén ou ben vai ir facer os seus mandados, ou ben está no proceso de os facer, na estancia especialmente indicada para o efecto:

Ir al baño [Estar en el] baño # retrete # váter # servicio # escusado && Ir a dar [Estar haciendo] una visita a Roca

Ir ó [Estar no] baño # retrete # váter # servizo # escusado && Ir a dar [Estar a facer # facendo] unha visita a Roca && [E MAIS TAMÉN, ASOCIADA A ÁMBITOS DE USO MOI POPULARES E FAMILIARES]: Ir ó [Estar no] cagadoiro

● E inda:

Ir a un [Estar nun # Estar facendo un] recado && Ir a unha [Estar nunha] viaxe/viaxiña && Ir [Estar] entre o millo && Ir [Estar] tras do palleiro && Ir ó [Estar no] campo && Ir ó [Estar no] campo de tiro # curral && Ir á [Estar na] corte

● E normalmente non trocables coas anteriores, mais si gardando certa relación, na medida en que se usan para dar a entender que alguén bota moito tempo no váter, temos tamén as seguintes expresións:

[Ir # Estar a] Chocar os ovos (, coma a nai de Chinclán) && [Ir # Estar a] Botar un risón

NOTAS:

1. Malia que neste artigo reflectimos, ó estarmos ante unha palabra rexistrada en diversas obras lexicográficas, a voz escusado como sinónimo de retrete, queremos salientar que non se contempla na normativa, supomos que por se tratar dun probable calco do castelán.

2. Polo que respecta ás locucións verbais ir por fóra e mais andar de ventre, e tal e como indicamos con anterioridade, en principio son de difícil emprego tras a perífrase incoativa ir + infinitivo.

Así, para un enunciado coma o castelán

Esperadme aquí un rato, que voy a hacer mis necesidades

en principio fánsenos un tanto estraños en galego (e con isto non estamos a dicir que non se poidan articular) enunciados do tipo de

Agardade por min un anaco, que vou ir por fóra & que vou andar de ventre.

En todo caso, o máis normal (polo menos para ir por fóra, que é a que temos de noso de xeito natural –e dános a impresión de que andar de ventre se rexe, neste sentido, por parecidas premisas de uso–) sería dicir algo así como

Agardade por min un anaco, que vou aí a ver se vou por fóra # que quero ir por fóra & que vou aí a ver se ando de ventre # quero andar de ventre.

3. Polo que atinxe á expresión [ir # estar a] chocar os ovos (, coma a nai de Chinclán), cómpre dicir que a voz chinclán (voz que, así pronunciada, presenta a variante da gheada na cal se articula [k] tras nasal –polo que, sen gheada, viría a ser chinglán–), como nome común, e en relación co que xa comentabamos no artigo “Ninguén de ningures”, equivalente, entre outras varias, á castelá “don nadie”, era a que nos nosos tempos mozos –o cal non quere dicir que hoxe en día non se empregue, malia que probablemente o seu emprego sexa en bastante menor grao– tiñamos para dar perfecta conta dos espazos de uso que despois pasou a ocupar o castelanismo “pringado” na acepción de, grosso modo, “persoa que non temos por merecedora de estima, respecto ou consideración ou á cal directamente menosprezamos ou facemos de menos”.

Voz esta, a de chinclán, que tamén recollen os Heredeiros da Crus na súa canción “Anda de chinclán” (neste caso dános a impresión de que co significado –que tamén presenta esta palabra na locución “andar de chinclán”– de “palanquín, lerchán” ou todos aqueles sinónimos que se lle queiran pór):

E che anda de chinclán // e sin traballar // e non che jana chica, // e non che vai o mar // xa o dixo a miña comadre, // o rapás é maricón // un palaquín, un desjrasiado, // e ademais ladrón.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego castelán e vocabulario castelán-galego (2ª edición). Publicado en 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: Así falan os galegos. Fraseoloxía da lingua galega. Galinova, 1995.

- Martínez Seixo [agora, Martíns], Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta