"Meu pai, paciente oncolóxico, estivo nunha padiola en Urxencias 61 horas"

Asociación de Pacientes e Usuarios do Chus denuncia que a xerencia do hospital "segue utilizando as urxencias como un almacén de pacientes".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/02/2022 | Actualizada ás 10:39

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Chus denuncian a situación dun paciente que estivo dous días en observación de Urxencias agardando por unha cama hospitalaria. Os feitos aconteceron entre o día 15 ao 17 de febreiro.

Pacientes en estado grave e en cadeiras de roda e padiolas agardando nos corredores de Urxencias do CHUS / Asociación de Pacientes Pacientes en estado grave e en cadeiras de roda e padiolas agardando nos corredores de Urxencias do CHUS / Asociación de Pacientes
Pacientes en estado grave e en cadeiras de roda e padiolas agardando nos corredores de Urxencias do CHUS / Asociación de Pacientes Pacientes en estado grave e en cadeiras de roda e padiolas agardando nos corredores de Urxencias do CHUS / Asociación de Pacientes

Este é o relato da súa filla. "Meu pai, paciente oncolóxico, entrou en urxencias a noite do martes ao mércores ás 5 e media da madrugada. Ás 11:30 horas do mércores dinnos que se queda ingresado, e que para elo ten que facerse unha PCR. Dez horas mais tarde danlle o resultado da PCR e o levan a observación onde solicitan unha cama. O xoves sobre as 19:00 horas informáronlle que había unha dispoñible e as 2:30 horas do venres dinlle que a cama foi asignada a outra persoa. Hoxe venres día 17 segue en observación nunha padiola, 61 horas despois. Esta situación é insostible. Un paciente oncolóxico con insuficiencia respiratoria nunha camilla tanto tempo. Por fin sobre as 19:00 horas do venres, mais de 44 horas despois de entrar en observación, foi trasladado a planta hospitalaria."

A Asociación de Pacientes denuncia que os servizos de urxencias do CHUS incumpren os estándares de calidade aprobados no ano 2016 polo Ministerio de Sanidade para as unidades de urxencias hospitalarias, que establecen que, sempre que o tempo de permanencia en urxencias supere as 6 horas, o paciente deberá ser atendido na sala de observación, debendo permanecer neste lugar menos de 24 horas. "Toda permanencia nos servizos de urxencias superior a 28 horas, é o síntoma dunha deficiente calidade e dun tratamento inadecuado dos pacientes ingresados", denuncia.

Ademais, suliña que a área de observación debe contar con camas e nunca debe utilizarse como subestación con pacientes que teñan orde de ingreso en planta, salvo que non existan camas dispoñibles. Neste sentido, denuncia que J.A.C.R. permaneceu nunha padiola de observación e non nunha cama, como establecen os estándares de calidade, mais 44 horas agardando o ingreso hospitalario, "sen que exista xustificación algunha para esa demora xa que o nivel de ocupación das camas, segundo a información do pulso do CHUS, era 60 por 100". O paciente permaneceu en urxencias un total de 61 horas, e a maior parte dese tempo agardando polo seu traslado a planta.

"Os responsables do servizo e a xerencia do CHUS, seguen utilizando as urxencias como un almacén de pacientes padecendo condicións materiais que non se axustan ás que corresponden a unha cama de planta hospitalaria", critica ao tempo que incide en que son os usuarios os que sofren o deterioro da sanidade pública.

"Desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS esiximos que se respecten os criterios de calidade dos servizo de urxencias e que se poñan as camas a disposición dos pacientes no tempo e no momento en que o precisen. Igualmente esiximos que sexan apartados dos seus cargos os directivos do servizo e da xerencia que incumpren reiteradamente as súas obrigas cos pacientes que facemos uso das urxencias hospitalarias", conclúe a entidade nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta