'Defendes un paciente, ábrenche un expediente': persoal do CHUS concéntrase a prol de Fátima Nercellas

A xerencia insiste en que o procedemento conta con "todas as garantías para os traballadores" e que os expedientes incoados seguen a normativa vixente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2022 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

A xunta de persoal do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) concentrouse este mércores fronte ao edificio para reclamar transparencia en relación ao expediente aberto á doutora de Urxencias Fátima Nercellas, que ven "unha agresión" á facultativa. O presidente do órgano de representación dos traballadores, José Manuel Marcote, asegurou que a xerencia do hospital "se nega a dar información e a escoitar a xunta de persoal".

Esta concentración, secundada pola Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS e na que participaron unha trintena de persoas, tamén busca que non se teña en conta o expediente disciplinario á médica do CHUS, iniciado no verán de 2020, que se basea nunha suposta falta grave por trasladar un paciente do corredor a Observación. A xunta de persoal rexeitou este expediente, que ven como "unha represión" á doutora, que é ademais representante laboral do sindicato O'Mega.

José Manuel Marcote insistiu en que a administración os "ten que escoitar" e recibilos para esclarecer a situación. Tamén denunciou que "a día de hoxe, á persoa que tenta denunciar que hai unha mala xestión dos distintos servizos tentan facela calar". Unha das principais queixas dos sindicatos sobre este asunto é que se lles "veta e ignora". Así mesmo, o presidente da xunta de persoal acusou á xerencia do hospital de "non cumprir coa normativa", ao non facilitar a información sobre o expediente.

Durante a mobilización, o persoal sanitario do CHUS lanzou proclamas como 'Defendes un paciente, ábrenche un expediente' ou 'Non imos calar ante a represión'.

A XERENCIA PIDE RESPECTO PARA Os INSPECTORES DO SERGAS

A xerencia do CHUS respondeu, a través dun comunicado, que a apertura de expedientes sancionadores non é da súa competencia e que, ao non estar resolto este en particular, non teñen a información que reclama a xunta. Así mesmo, a administración do hospital pediu "respecto polo traballo e independencia dos profesionais do servizo de inspección do Sergas".

Ademais, no comunicado insistiron en que o procedemento conta con "todas as garantías para os traballadores" e que os expedientes incoados seguen a normativa vixente. Por último, a xerencia do CHUS apuntou que a denuncia interposta polos representantes da doutora expedientada "foi arquivada por sentenza firme", polo que non cabe a admisión dun recurso.

A concentración convocada este mércores pola Xunta de Persoal do CHUS para reclamar transparencia no expediente aberto pola administración do hospital a unha doutora de Urxencias.
A concentración convocada este mércores pola Xunta de Persoal do CHUS para reclamar transparencia no expediente aberto pola administración do hospital a unha doutora de Urxencias. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta