Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2022 | Actualizada ás 19:01
A conselleira de Empreo e Igualdade, María Jesús Lorenzana, celebrou este mércores a recuperación do mercado laboral de Galicia e a súa evolución positiva fronte aos efectos da covid-19.
A titular de Emprego pronunciouse deste xeito no Parlamento de Galicia en resposta a unha pregunta formulada pola deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta, quen cualificou de "preocupante" a situación do mercado laboral e instou ao Goberno a adoptar medidas adecuadas e eficaces para cambiala.
Lorenzana reiterou o compromiso da Xunta coa creación de emprego de calidade, destacando que as políticas públicas que desenvolve o Goberno galego e a súa aposta polo Diálogo Social teñen como obxectivo que o marcado de traballo galego responda de forma positiva para os efectos da pandemia.
Ademais, puxo en valor o mellor comportamento de Galicia con respecto ao Estado na recuperación do emprego perdido durante a covid-19. Así, sinalou que a taxa de paro do cuarto trimestre de 2021, segundo a EPA, é a menor dos últimos 13 anos en Galicia e atópase case dous puntos por baixo do Estado: 11,6 puntos en Galicia fronte a 13,3 puntos en España.
Tamén afirmou que a Comunidade galega encadea oito anos de baixadas do paro durante este trimestre, alcanzando a segunda cifra máis alta de ocupados nun cuarto trimestre desde 2010 e a maior cifra de traballadores indefinidos de toda a serie histórica. Así mesmo, indicou, con respecto á EPA, que Galicia tardou só un trimestre en recuperar o emprego perdido pola crise sanitaria, mentres que no Estado "tardáronse cinco meses".
Con todo, Carmen Rodríguez Dacosta sinalou que o datos da última EPA sitúan a Galicia á "cola" do Estado en creación de emprego. "A recuperación non está a chegar a todos e hai unha parte da sociedade que está a quedar á marxe", advertiu a deputada do PSdeG, que sostivo que o desemprego e o emprego precario "son un dos principais problemas da cidadanía galega".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.