Contra o carnaval de Madrid, viva o entroido de Xinzo!

«En las horas de escabio y amarguras / me pregunto si fue cierto tu cariño / y aunque busco en el embrage no hay ninguna / que como vos me quiera como un niño...» (Les Luthiers, Pieza en forma de tango)

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 01/03/2022

Comparte esta noticia

Hai unha caste de paxaros, dotados de plumaxe agrisada e pico longo, que polo feito de aniñar nas silveiras madrileñas xa se cren imbuídos polo omnipotente xarope emanado do Manzanares, capaz de catapultalos contra a estatua da Cibeles para, decontado, autoproclamarse Elite Suprema Do Estado Español. Se saen vivos do moquete, claro. O paso seguinte consiste en pensar que a periferia sempre danza arredor deles, digan o que digan e fagan o que lle pase por debaixo do arco de trunfo. Semellante macana, por desgraza, acontece a diario en tódolos ámbitos. Pasa na cultura, na gastronomía, no deporte... no sursum corda. E pasa, especialmente na política.

O presidente do PP, Pablo Casado; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, á súa chegada ao acto institucional polo Día da Constitución
O presidente do PP, Pablo Casado; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, á súa chegada ao acto institucional polo Día da Constitución | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo.

Hai cousa dunha semana, un grupo de comediantes do partido de Pablo Casado, seguindo artes e mañas dos seus antepasados capitalinos, pensaron que podían converter o chotis madrileño en carnaval, convencidos de que, ao aparecer máis na televisión, mesmo serían quen de superar o entroido de Xinzo. Vaia tropa, maldita ignorancia! So a eses vendedores de quincalla se lle ocorre confundir o carnaval co entroido. 

Menos mal que lles queda o dos Peares! Aínda así, cómpre non terxiversar. A elegancia das pantallas, o estilo, a orixinalidade, a diversidade, a espontaneidade, a largueza do ciclo, a policromía, ... en fin, a excelencia do entroido por antonomasia –o entroido de Xinzo– nunca poderá ser emulado por uns xogadores de brisca, que ousan matar o as de trunfo coa sota de bastos. E iso pásalle a moitos en canto atravesan o Padornelo.

Estes voadores madrileños, faltóns e iconoclastas, transfigurados en personaxes esperpénticos, medran e enguedéllanse entre as páxinas de Luces de Bohemia de Valle-Inclán. Mentres, un actor secundario, apelidado Carromero, disfrazado de don Latino de Hispalis, emula ao torpe Alberto Casero e, por mandato de don Teodoro e don Almeida, organiza o velorio da revirada Isabel. Pensan que son os máis listos da clase, pero non se decatan quen é o defunto, ata que 3000 pecadores inconfesos acoden, sen pudor, ao funeral de Pablo Max Estrella (o protagonista da obra de Valle-Inclán). Coitados! O único que o sabía todo era Feijoo. Levaba no peto a partida de defunción do morto. 

[O meu tío Lisardo agarda impaciente por coñecer a resposta da pregunta que deixou no aire a presidente Madrileña o pasado xoves: que lle botarían a Casado na bebida?]

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Secretario-interventor de Administración Local xubilado. Foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da FEGAMP (Fedreación Galega de Municipios e Provincias) e Delegado da Consellería de Industria de Ourense no goberno do bipartito. Militou no BNG e en CxG. Hoxe en día non ten afiliación política. Na actualidade dedícase á actividades culturais, especialmente a través do Museo da Limia, no que desempeña o posto de Coordinador do seu Padroado.