O servizo de recollida de lixo na Coruña, paralizado tras unha nova xornada con colectores queimados

O Concello esixe "á adxudicataria que se cumpra co servizo".

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 24/02/2022 | Actualizada ás 20:22

Comparte esta noticia

Un día despois de que gran parte de frota de camións de recollida de residuos aparecese con rodas picadas e cristais rotos, o Concello da Coruña paralizou o servizo nocturno de limpeza. Tras amencer a cidade este xoves con colectores queimados e lixo tirado polas rúas, os labores de recollidas de lixo vólvense a cancelar.

As rúas da Coruña levan varios días cos colectores cheos e o lixo polas beirarrúas
As rúas da Coruña levan varios días cos colectores cheos e o lixo polas beirarrúas | Fonte: Europa Press.

O secretario xeral do Sindicato de Traballadores da limpeza (STL), Miguel Anxo Sánchez, manifestou que lle parece "rarísimo" que ás 1.40 horas da madrugada do mércores ao xoves "o concello dese orde" de retirar todo o sector dos camións para a base "sen unha soa explicación".

Sánchez asegurou que estaban a realizar o servizo "sen haber actos de vandalismo", xa que os vehículos ían "escoltados por coches patrulla".

Este xoves pola tarde, "paralizouse o servizo de recollida tamén", engadiu o secretario xeral de STL, quen explicou que podería ser por protexer a seguridade dos traballadores. "Iso aplaudiriámolo", recoñeceu, pero segundo manifestou Sánchez tamén barallan a posibilidade de que "fose pola seguridade dos propios vehículos".

"IDENTIFICADOS E CASTIGADOS"

Desde o goberno local insistiron: "Esiximos á adxudicataria que se cumpra co servizo". Por outra banda, o executivo reiterou que puxeron os feitos vandálicos "en coñecemento da Policía" e esperan que os autores sexan "identificados e castigados" por atentar contra un servizo público esencial.

Respecto dos actos de vandalismo, o representante sindical afirmou que condenan estes feitos e engadiu que se poden van presentar unha denuncia polos actos sucedidos, porque entenden que "puido haber un atentado" contra a saúde dos traballadores.

"Parece que ninguén se acorda diso", comentou facendo referencia a posibles trastornos derivados dos asaltos. Ademais, Miguel Anxo Sánchez foi tallante ao desvincularse os actos e referiu que se trata "de persoas que nada teñen que ver coa central sindical".

En calquera caso, Sánchez sinalou que, se non fose así, "automaticamente", quedarían expulsados "de inmediato e para sempre".

"NINGÚN INCREMENTO SALARIAL"

En canto aos problemas que poidan existir entre os empregados e a patronal, Sánchez explicou que os traballadores de recollida de residuos sólidos urbanos da Coruña non están a solicitar "ningún tipo de incremento salarial" e engadiu que "non existe conflito aberto nin folga convocada" para ese efecto.

O secretario xeral de STL argumentou que "existen diversidade de opinións" sobre un convenio que está sen asinar, pero relacionados con outra "serie de asuntos".

Sánchez lamentou que agora os traballadores ademais de estar "asustados", están "enfadados".

EMPRESA

Pola súa banda, a empresa responsable do servizo de recollida de lixos, PreZero, respecto ao posible transfondo económico e a negociación en curso dun novo convenio dos traballadores, quixo "deixar constancia" da "plena vixencia" do convenio subscrito cos axentes sociais en 2021 con validez para os próximos anos.

Ademais, a compañía lamentou "profundamente" o "enorme prexuízo" que están a causar á cidadanía estes actos vandálicos e os danos á saúde pública que poidan ocasionar ao "imposibilitar" a realización correcta dos servizos de limpeza.

A dirección de PreZero na Coruña explicou que están a traballar en "continua e estreita" colaboración coa Concellaría de Medio e Sustentabilidade do Concello da Coruña para garantir o "máximo cumprimento" do servizo e "depurar" responsabilidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta