Tanxugueiras e La Pegatina confirman para o 'Revenidas 2022'

O trío de pandereteiras, que xa actuou en Vilaxoán na edición de 2021, repite cita e inclúe este festival no marco da xira que este ano as levará por algúns dos principais festivais do Estado.

Por X.M. Fernández | Vilagarcía de Arousa | 27/02/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Tanxugueiras, grupo de moda na actualidade, volve ao Revenidas despois do 2021. Nesta ocasión presentarase xa co seu novo disco na rúa e cun show totalmente diferente ao que se puido ver o pasado ano, centrado xa na súa proposta de mestura de música tradicional con sons electrónicos e urbanos.

Tanxugueiras. Benidorm Fest.
Tanxugueiras. Benidorm Fest. | Fonte: Foto: Rocío Cibes

Outro tanto acontece con La Pegatina, que tamén teñen pasado noutras ocasións polo escenario do Revenidas. Nesta primavera publicarán novo disco, o décimo na súa traxectoria, con importantes colaboracións internacionais. A xira dos cataláns promete ser unha das máis intensas e festivas deste ano.

OUTROS GRUPOS PARA O CARTEL

Tamén se suman ao cartel do Revenidas 2022 Laura Lamontagne & Picoamperio, quen tamén estiveron na pasada edición. Pero ao igual que os grupos anteriores tamén o dúo galego chega con novidades moi importantes. Entre elas, a publicación dun novo disco, que xa se avanza como un dos grandes lanzamentos da música galega deste ano.

Outros vellos coñecidos do festival, os italiano Talco, tamén se incorporan a oferta musical do Revenidas. Se na pasada edición se presentaron como Talco Maskerade, o proxecto que crearon a raíz do confinamento, o seu álter ego máis íntimo, no que experimentaban en acústico coa súa vertente máis folk, nesta ocasión volven na súa versión orixinal, con toda a electricidade, enerxía e compromiso da súa proposta de ska e punk combativo.

Dende Rusia chegan Moscow  Death  Brigade, creadores dun son propio coñecido como “Circle  Pit  Hip- Hop”: unha mestura única e agresiva de música electrónica, punk  hardcore e rap, impregnada de grafiti e cultura de rúa e cunha mensaxe social e solidaria contra a guerra, o racismo e outros tipos de discriminación. O trío moscovita chega a Vilaxoán para presentar o seu último disco “Bad  Accent  Anthems”.

Neste avance de novas incorporacións do Revenidas tamén hai que incluír á cantautora Suu. En só dous anos converteuse nunha das artistas catalás máis seguidas e escoitadas da actualidade. Tras un trepidante 2020, no que publicou o seu disco “Ventura”, producido polo músico Carlos Sadness, Suu emprende este 2022 con máis forza que nunca, cultivando máis de 250 mil oíntes mensuais en Spotify e acumulando case 130 mil seguidores en Youtube e Instagram.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta