Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/02/2022 | Actualizada ás 14:46
PSdeG e BNG pediron ao conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo, que "avance máis" nas tarefas de control da corrupción, con referencias explícitas e veladas á situación de Madrid, do concello e a que zarrapica á presidenta da Comunidade, Isabel Díaz Ayuso, que desembocou na crise interna do PP.
Así, a primeira en sacar esta cuestión á palestra foi a deputada socialista Begoña Rodríguez, quen pediu que o órgano fiscalizador avance neste ámbito para que "non ocorra o mesmo que noutras comunidades autónomas, como Madrid, onde, mentres todos estabamos confinados, parece que había algunhas persoas como o irmán da señora Ayuso que facía caixa", afirmou.
Foi máis aló, aínda que con certo ton irónico, cando manifestou que se "Núñez Feijóo se vai para Madrid" espera que "poña orde" nesta "vergoñosa" actuación.
A necesidade de avanzar máis nas tarefas de control da corrupción tamén foi unha das reclamacións da deputada do BNG, Noa Presas, quen contestou con certo sarcasmo que non ten "fe" en que "Feijóo vaia a Madrid a arranxar este tipo de cuestións, visto como non arranxou aquí outras institucións como a Deputación de Ourense".
Redondo limitouse a responder que "toma nota" das cuestións expostas. Pola súa banda, o deputado popular José Manuel Rey Varela destacou todo o labor de "prevención da corrupción" que fixo o Consello de Contas e destacou que, precisamente, a prevención "é moi importante para non ter que lamentar" despois consecuencias.
Ademais, Redondo aproveitou para anunciar que volverá ao Parlamento para presentar o informe sobre a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O conselleiro maior asegurou que o informe está preparado, pero que consideraron realizar unha ampliación, polo que espera presentalo o máis axiña posible.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.