García Montero e Helena González, Medallas do CCG por "difundir e promover" a cultura galega

Os premiados agradeceron "de corazón" e con "emoción" este galardón do Consello da Cultura Galega.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/02/2022 | Actualizada ás 20:48

Comparte esta noticia

O director do Instituto Cervantes, Luís García Montero, e a profesora da Universidade de Barcelona, Helena González Fernández recibiron este venres as Medallas de Honra do Consello da Cultura Galega (CCG) polo seu labor a prol do diálogo entre a cultura galega e outras culturas "irmás".

Entrega das Medallas de Honra do Consello da Cultura Galega
Entrega das Medallas de Honra do Consello da Cultura Galega | Fonte: Xunta de Galicia.

A presidenta da Institución, Rosario Álvarez, reivindicou no seu discurso a Galicia como "unha nación transterritorial como consecuencia da emigración, dos exiliados ou das novas diásporas, pois está alí onde estean os galegos e galegas". Ademais, fixo fincapé en que Galicia ten "unha cultura propia nun estado plurinacional, plurilingüístico e pluricultural que na Península Ibérica comparte espazo co portugués".

Na entrega do galardón a Helena González, a presidenta da institución recoñeceulle que é "un dos nosos apoios en Cataluña e moito máis que unha ponte: es a aperta entre dúas nacións e dúas culturas irmás". A premiada expresou a súa "emoción" e asegurou que recibe este premio como "unha máis da tribo galega que hai no mundo" e como unha "honra que lle facedes ao equipo docente e ao alumnado de Estudos Galegos e Portugueses da Universitad de Barcelona", afirmou no seu discurso.

Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega, foi a encargada de facer entrega do premio a Luís García Montero e na súa alegación puxo en valor o seu traballo no Instituto Cervantes e a súa "firmeza no recoñecemento da nosa lingua e da nosa cultura, e de todas e cada unha das linguas nas que os seres humanos defenden os seus dereitos".

García Montero comezou a súa intervención en galego, agradecendo "de corazón" o recoñecemento que este venres se lle entregou. "Confeso que, xunto á honra que isto supón, celebro a alegría engadida de compartir o recoñecemento coa profesora Helena González", expresou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta