As Oficinas de Atención ao Peregrino da Garda Civil realizaron case 5.000 accións na súa primeira campaña

Foron creadas o pasado verán para dar respostaa calquera necesidade de seguridade ou información que teñan os peregrinos no camiño a Compostela.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2022 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

As Oficinas de Atención ao Peregrino da Garda Civil, que patrullaron os diferentes Camiños o pasado verán, realizaron case 5.000 actuacións no período comprendido entre o 1 de xullo e o 13 de outubro de 2021.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fixo balance da primeira campaña desenvolvida polas patrullas móbiles da Garda Civil e considera que os resultados foron positivos "tanto en número de actuacións como na percepción dos peregrinos, o que nos anima a prestar de novo o servizo este ano".

Segundo sinala a Delegación nunha nota de prensa, as tres unidades de Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino realizaron labores de "auxilio de tipo informativo, mecánico ou sanitario". Ademais, detallan que "só" 21 actuacións causaron "dilixencias por infraccións penais".

Os integrantes destas unidades aseguran que a reacción dos peregrinos ante a súa presenza foi "positiva" e destacan o feito de "dispor ao longo da ruta de servizos que ata o momento obrigaban a desprazarse ata un posto situado nun pobo próximo".

As Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino foron creadas o pasado verán para "dar resposta de forma máis áxil e eficiente a calquera necesidade de seguridade ou información que poidan ter os peregrinos no camiño a Compostela". Están integradas por tres axentes, son itinerantes, prestan servizos de seguridade e "están presentes nos puntos estratéxicos onde habitualmente hai máis concentración de peregrinos".

José Miñones tamén remarcou que "a promoción turística, a recuperación do patrimonio e a seguridade" son os tres eixos sobre os que o Executivo Central "dá apoio na celebración do Xacobeo".

O delegado do Goberno, José Miñones, visita unha das Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino da Garda Civil. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno, José Miñones, visita unha das Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino da Garda Civil. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta