Que pasa cos nenos da guerra?

A ONG Kids Ucraína destaca que 35 nenos da segunda cidade do país atópanse a salvo en Polonia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2022 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

A ONG Kids Ucraína, que se dedica a "axudar a nenos en situación de pobreza", asegura que 35 nenos dun orfanato de Karkhiv, a segunda cidade do país invadido por Rusia, xa se atopan a salvo en Polonia e camiño de Italia.

O presidente desta ONG con presenza na Coruña e Lugo, Ramón Mínguez, explicou que traballan con dous orfanatos do país, un en Karkhiv e outro que se atopa a "un vinte quilómetros" da capital, de Kiev.

Mínguez destacou que a situación é "máis tranquila" en Karkhiv, cidade xa tomada polos rusos, e de "momento non houbo bombardeos aínda que soan as sirenas, pero bombardeos non houbo". Desta forma, os nenos do orfanato "puideron saír en dirección a Polonia e esta noite pasaron a fronteira ucraína". "Están en Polonia xa en dirección a Italia", revelou o activista.

Tamén aproveitou para expresar o desexo de que "a situación mellore para que este verán" poidan traer aos nenos de novo a España, o pasado ano estiveron en Lugo na Reitoral de Romeán.

Son 35 os pequenos que se atopan "a salvo" en Karkihiv, caso distinto é o que ocorre co hospicio de preto de Kiev, lugar onde Ramón Mínguez confesou que están "máis preocupados". "Alí son dez nenos, está a vinte quilómetros e alí están en refuxios antiaéreos e están máis preocupados", subliñou.

En canto á situación dos refuxiados, o presidente de Kids Ucraína relatou como "hai caravanas importantes na fronteira con Polonia, de ata vinte quilómetros e tárdase en atravesar" a barreira fronteiriza entre "un e tres días".

FAMILIAS DE ACOLLIDA

Nos últimos anos trasladaron no verán a España ao redor de 25 nenos ucraínos destes dous orfanatos, que pasan eses días con familias de acollida. Agora espera que "poidan volver".

Esta é unha asociación sen ánimo de lucro que traballa desde Barcelona, con "cinco ou seis persoas" e que todo o que recadan vai para estes nenos orfos e en situación de pobreza. En Galicia contan con dúas sedes, en Lugo e A Coruña.

Mapa de Rusia e Ucraína
Mapa de Rusia e Ucraína

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta