En Ourense tamén hai Cultura

Un grupo de asociacións culturais de Ourense xuntáronse en EsCuA para pedir espazos de espresión cultural na cidade das Burgas.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 20/05/2014 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

En Ourense hai cultura, e moita. Outra cousa é que o concello non queira impulsar o tecido cultural da cidade. Por iso, un conxunto de asociacións/colectivos sociais, ecoloxistas, feministas, culturais e medioambientais da cidade de Ourense  xuntáronse en EsCuA (Espazo Cultural Alternativo – Ourense) para poñer en marcha un “espazo cultural aberto e autoxestionado para a toda a cidade”.

Teatro baleiro
Teatro baleiro

Así, aínda que critican o pouco que fai a Deputación de Ourense e a Xunta, tamén denuncian que a Concellería de Cultura de Ourense “debe de ter un maior contacto coas asociacións culturais da cidade e interese en divulgar e apoiar” a cultura e “non o está a facer”. 

Por iso, aposta por mobilizarse agora porque “o estado actual das cousas toca coa punta dos dedos o subrealismo e a neglixencia máis absoluta” e porque non hai “unha noción clara do que facer en política cultural”. 

Crítica ao “despilfarro” de cartos públicos

EsCuA denuncia que, polo camiño, se teñen perdido fondos europeos e estatais por falta de planificación. “Despilfárranse cartos en eventos sen retorno social, económico ou cultural para a cidade. Faltan criterios claros sobre como e onde gastar o diñeiro. Escasea transparencia, claridade, comunicación, competencia, rigor, eficiencia e apoio aos axentes de base”, critica. 

Por iso, pide un cambio de rumbo total na política cultural na cidade e, apunta, directamente, á responsabilidade do grupo de goberno municipal. Ao concello pídelle un “maior e mellor nivel de comunicación con todos os axentes culturais”, “máximo grao de transparencia” na xestión dos fondos municipais destinados á cultura, elaboración e publicación dun plan estratéxico da xestión cultural e facilidade no acceso ás infraestruturas culturais e municipais para toda a cidadanía.

Unha infraestrutura cultural

EsCuA pretende establecer unha infraestrutura que forneza de servizos, e préstamo de recursos, para as actividades dos distintos colectivos culturais e artísticos de Ourense. Di que o asociacionismo cultural e artístico da cidade carece dun espazo de encontro e intercambio común de usuarios, experiencias e aproveitamento social. “A falla de canles de comunicación e coordinación, dificulta a eficiencia social e económica dos propios colectivos, padecendo en comparación a outras formas de asociacionismo, certo déficit de atención e protección”, apunta.

Este espazo, di, debería contar cunha sala multiusos para proxeccións de cine, performances e actuacións musicais que o precisen, unha sala biblioteca, salas multiusos de obradoiros, sala taquillas e xestión, sala exposicións e salas de radio, internet e tv. Comunitaria.

Forman parte de EsCuA:

A Bela Auria

A.C. Oscar Allos

Algaravía

Amarante

Amigos da Terra

Anacos da Cidade

Arte Bruto

Aula de Música Tradicional Gomes Mouro

Cineclube Padre Feijoo

Esculca

Federación de cineclubes de Galicia

Graf-licia

Marcha Mundial das Mulleres – Ourense

Mobi-liza

Mondoxíbaro

O Formiguiño

O Espertello

Recuperar Os Nomes

Saramaganta

Semente

Tequio

Trécola Teatro

#imosentrar

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta