Extinguido o incendio que afectou a dúas naves industriais no Barco de Valdeorras

Estiveron ardendo toda a noite.

Por E.P. | OURENSE | 01/03/2022 | Actualizada ás 10:05

Comparte esta noticia

Os servizos de emerxencias concluíron na mañá deste martes os labores de extinción do incendio que afectou a dúas naves industriais situadas na Avenida de Galicia, no concello ourensán do Barco de Valdeorras.

Segundo informou o 112 Galicia, os equipos de intervención que acudiron ao lugar indicaron que a primeira nave, que estaba destinada ao almacén de colectores de resina e rolos de fibra de vidro, ardeu por completo e colapsou; mentres que a segunda resultou afectada parcialmente.

Ata o lugar desprazáronse varias dotacións de bombeiros despois das chamadas de alerta dos veciños recibidas no 112 Galicia sobre as 18,30 horas deste pasado luns.

Tras iso, activouse un operativo no que participaron os Bombeiros de Valdeorras, de Monforte de Lemos e Verín, os membros do GES de Valdeorras e da Veiga, efectivos de medios forestais, axentes da Policía Local, da Garda Civil, os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Barco de Valdeorras e autoridades ambientais.

Ademais, o Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias prestou a súa colaboración nas tarefas de extinción mediante a achega de dous camións cisterna, material de iluminación e o seu equipo de dron.

Os axentes da Policía Local solicitaron aos habitantes das vivendas próximas da contorna que pechasen as xanelas por precaución, xa que, nun momento dado, poderían verse afectadas o fume.

Despois de traballar arreo durante toda a noite ata a completa extinción do lume, resaltou o 112, os equipos de emerxencia deron por finalizada a súa intervención sobre as 8,00 horas deste martes.

Incendio en naves industriais no Barco.
Incendio en naves industriais no Barco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta