A Igrexa recada 11,3 millóns en Galicia na campaña do IRPF, un 2% máis

O 24% da poboación contribuínte galega marca a 'X' da Igrexa, segunda taxa máis baixa do Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2022 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

A Igrexa española recadou 11,3 millóns de euros na Declaración da Renda 2021, correspondente á actividade económica desenvolvida en 2020, o que supón un 2% máis que no anterior exercicio (uns 260.000 euros máis). Este incremento contrasta co descenso medio do 1,8% que se computa en España, onde a recadación baixa a 295,5 millóns de euros (5,58 millóns menos) a través do 0,7% do IRPF, nun ano marcado polo inicio da pandemia.

Un total de 327.276 contribuíntes galegos marcaron a 'X' da Igrexa na declaración do IRPF, segundo os datos feitos públicos este martes pola Conferencia Episcopal. Supón que o 24,2% da poboación contribuínte galega avoga por esta opción. Son sete puntos menos que a media do 31,6% de España. De feito, é a segunda taxa máis baixa entre comunidades, só por encima de Cataluña (16,3%).

DATOS ESTATAIS

Esta caída nos fondos recadados en España rompe unha tendencia á alza que viña producíndose nos anos anteriores cando se rexistrou unha marca de recadación, chegando a superar os 301 millóns de euros. O vicesecretario para asuntos económicos da Conferencia Episcopal Española (CEE), Fernando Giménez Barriocanal, achacou este descenso nos fondos recadados á crise económica provocada pola pandemia da Covid-19.

"Era algo lóxico e previsible, ante unha crise económica o sistema é así, se se recada menos, probablemente, o que reciba a Igrexa sexa menos, o cal significa que con menos diñeiro a Igrexa ten que facer máis cousas porque as necesidades se incrementaron pola situación da gravísima crise económica", explicou Giménez Barriocanal.

En todo caso, na última campaña da Renda aumentou en 40.078 o número de declaracións a favor da Igrexa. En total, 7.337.724 contribuíntes marcaron a 'X', unha cifra que ascende a 8,5 millóns tendo en conta as declaracións conxuntas. Isto supón que a porcentaxe de contribuíntes que asignan á Igrexa é do 31,57%.

Presentación dos datos da X da Igrexa na Declaración da Renda referir# a 2020
Presentación dos datos da X da Igrexa na Declaración da Renda referir# a 2020 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta