Temas: VIñO VALDEORRAS

Un viño branco de Valdeorras, primeiro de Galicia en alcanzar os 100 puntos Parker

Trátase dun recoñecemento que outorga a publicación estadounidense 'The Wine Advocate'. "As estrelas aliñáronse para producir un viño impresionante", asegura un dos críticos.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 01/03/2022 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

Sorte O Soro 2020, viño que elabora Rafael Palacios no Val do Bibei (Valdeorras), coroouse como o primeiro branco de Galicia en conseguir os coñecidos popularmente como '100 puntos Parker', que outorga a prestixiosa publicación estadounidense 'The Wine Advocate', segundo informou nun comunicado.

En concreto, Sorte O Soro 2020 é o primeiro branco dunha anada recente e o primeiro de Galicia en conseguir os 100 puntos, un fito que tan só conseguiron pouco máis dunha vintena de viños desde a fundación da publicación en 1978.

Segundo o informe de 'The Wine Advocate' destaca como Sorte O Soro, que se elaborou por primeira vez en 2009, é mellor en cada colleita, ata que, en 2020, segundo o crítico Luís Gutiérrez, encargado dos viños españois para esta publicación, "as estrelas aliñáronse para producir un viño impresionante".

Sorte O Soro é un viño dunha única parcela situada no Val do Bibei, en Santa Cruz do Birlo. A parcela, con viñedos de 44 anos, está plantada cun clon orixinal e atópase a 710 metros de altitude, aberta á saia norte do Val do Bibei e bañada todo o ano por unha brisa permanente. Este branco cultívase de forma tradicional e desde 2017 laboréase con tracción animal. Actualmente atópase en trámites para lograr o certificado en agricultura ecolóxica e biodinámica.

Sorte O Soro fermenta en barricas novas de 500 litros de carballo francés e a anada 2020 ten unha crianza de sete meses nesas mesmas barricas.

Vide de Rafael Palacios
Vide de Rafael Palacios | Fonte: google maps

Temas: VIñO VALDEORRAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta