Como vai ser a sucesión de Feijóo no PPdeG?

"Farémolo ben", di o número dous do PPdeG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2022 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que, unha vez que se celebre o Congreso Nacional no que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo optará a liderar o PP nacional, a formación adoptará "decisións de forma ordenada e tranquila" en Galicia.

"O que lle podemos trasladar aos afiliados do PP de Galicia é que o faremos ben e que o resultado será o que todo o mundo espera de nós. Actuaremos desde a responsabilidade", sostivo ao ser preguntado polos medios de comunicación sobre o escenario que se abre no PPdeG tras o paso adiante dado por Feijóo para presidir a formación a nivel estatal.

Na súa intervención, Tellado puxo en valor o paso dado polo máximo mandatario autonómico galego "por responsabilidade". "Servir a España é un ben maior e, desde logo, el non rexeitou esa responsabilidade", afirmou para destacar que é un "paso adiante" que o partido necesita e "España tamén".

"Creo que todos estamos ao seu lado e satisfeitos pola decisión que adoptou", dixo nunhas declaracións nas que incidiu en que o "planing" do PPdeG pasa por "seguir traballando" como levan facendo "desde hai 13 anos". "Exactamente un 1 de marzo de 2009 gañabamos as eleccións autonómicas e, desde entón, dedicámonos a defender os intereses de Galicia desde as institucións", afirmou.

Todo iso antes de insistir en lanzar unha "mensaxe de estabilidade" e de "normalidade democrática". "A Xunta vai seguir funcionando e o PPdeG vai seguir sendo un partido ao servizo desta comunidade", expresou. Ademais, avogou por facer cada cousa "ao seu tempo". "Hai convocado un congreso nacional, Alberto Núñez Feijóo preséntase a ese congreso e o que veña despois virá, todo de forma ordenada", subliñou.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, abrázase co presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, tras a xunta directiva da formación en Santiago de Compostela. ARXINA /EUROPA PRESS / Europa Press
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, abrázase co presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, tras a xunta directiva da formación en Santiago de Compostela. ARXINA /EUROPA PRESS / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta