A Xunta di que "non avalía" ningún proxecto de eólica mariña mentres non se definan as zonas

A administración indica que están pendentes de aprobación por parte do Goberno central os plans de ordenación do espazo marítimo. O BNG pide declarar Galicia espazo libre de implantación destes parques 'offshore'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2022 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

A directora xeral de Planificación Enerxética, Paula Uría, insiste en que "non procede avaliar ningún proxecto en concreto" de eólica mariña mentres non se definan as zonas nas que se poidan implantar estes parques.

Así o expuxo na Comisión de Pesca a preguntas do BNG, onde lembrou que aínda están pendentes de aprobación por parte do Goberno central os plans de ordenación do espazo marítimo. Mentres, a Xunta participa no grupo de traballo creado sobre eólica mariña, no que se recollen "datos concretos" do sector pesqueiro para traballar na delimitación desas zonas en busca dun "consenso".

De tal modo, Uría avoga por ir "paso a paso" na éolica mariña, á vez que resalta que, posteriormente, en cada zona "terá que haber un trámite de concorrencia" para a presentación de proxectos. Hai uns meses a Xunta xa informara de que presentara alegacións ante o Ministerio de Transición Ecolóxica polas solicitudes de Iberdrola de dous parques de eólica mariña en cabo Ortegal (proxecto chamado San Brandán) e A Mariña (San Cibrao).

Neste sentido, defende o "diálogo" da Xunta en prol dun desenvolvemento "ordenado", de modo que haxa "todas as garantías de que calquera proxecto que se aprobe sexa compatible coas actividades xa existentes, con especial atención á actividade marítimo-pesqueira". E é que incide en que o Goberno central aprobou unha moratoria pola cal, ata que non se regule novo marco normativo, non se pode admitir a trámite ningunha solicitude.

Pola súa banda, Rosana Pérez (BNG) alerta do impacto da éolica mariña sobre os caladoiros e pide declarar Galicia espazo libre de implantación destes parques 'offshore'.

SIMPLIFICACIÓN DO FONDO EUROPEO DE PESCA

Noutra orde de cousas, a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, expuxo a necesidade de simplificar a tramitación do Fondo Europeo Marítimo-Pesqueiro (FEMP) para axilizar a súa tramitación. Respecto diso, refírese a que, tras o atraso na súa posta en marcha, este fondo tamén se viu afectado pola pandemia, dado que o estado de alarma obrigou a suspender os prazos coa consecuente demora na tramitación, entre outros problemas para a súa execución.

Arquivo - Plataforma eólica mariña flotante de Ferrovial. FERROVIAL - Arquivo
Arquivo - Plataforma eólica mariña flotante de Ferrovial. FERROVIAL - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta