A pandemia cumpre dous anos en Galicia no medio dunha leve repunta de contaxios

Os novos contaxios soben a 1.794 e elévanse os casos activos ata os 16.933.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2022 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

Un total de 503.010 persoas contaxiáronse da covid-19 en Galicia desde que se detectou o primeiro caso o 4 de marzo de 2020. Ademais, neste tempo, 3.118 persoas faleceron tras ser diagnosticadas con este virus.

Nas últimas horas rexistrouse por segundo día consecutivo unha repunta dos novos contaxios detectados en Galicia, ata os 1.794, cifra que motivou tamén un incremento dos casos activos, que se sitúan en 16.933 (568 infeccións máis que na última xornada).

Así se desprende dos datos publicados este venres por venres pola Consellería de Sanidade, con información recollida ata as 18,00 horas do xoves, que sinalan que, tendo en conta as novas infeccións, as altas epidemiolóxicas e falecementos, en Galicia hai actualmente un total de 16.933 persoas con Covid.

Na área sanitaria de Vigo rexistráronse na última xornada 338 novos contaxios; na área sanitaria da Coruña-Cee notificáronse 303 infeccións máis; na área de Santiago-A Barbanza son 316 as novas infeccións; na área de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras hai 260 casos novos; na de Pontevedra-O Salnés notificáronse 248 novos contaxios; na área de Lugo, Monforte e A Mariña hai 231 infeccións máis; e na área de Ferrol detectáronse 87 casos novos.

Na área de Vigo hai 3.343 casos activos (53 máis); na área da Coruña hai 3.246 enfermos (36 máis); na área de Santiago hai 3.096 infeccións activas (146 máis); na área de Lugo, os casos activos son 2.131 (90 máis); na área de Ourense subiron ata os 2.057 (122 máis); na área de Pontevedra hai 2.023 casos (128 máis); e na área de Ferrol hai 950 persoas con Covid (2 menos).

PRESIÓN HOSPITALARIA E FALECIDOS

Con respecto á ocupación das camas Covid nos hospitais galegos, o último informe de Sanidade reflicte un lixeiro descenso no número de enfermos ingresados en unidades convencionais, que baixa de 397 a 391, aínda que os pacientes incrasados en UCI son agora 29, un máis que hai un día. Desde o inicio da pandemia, máis de medio millón de persoas en Galicia se contaxiaron de Covid, e 483.012 superaron a enfermidade. Delas, 1.222 recibiron o alta epidemiolóxica nas últimas 24 horas.

Unha enfermeira toma unha mostra nun cribado poboacional para detectar a covid-19 / Sergas. / Europa Press
Unha enfermeira toma unha mostra nun cribado poboacional para detectar a covid-19 / Sergas. / Europa Press

Ademais, un total de 3.118 persoas faleceron desde o inicio da pandemia. Catro destas mortes, das que informou este venres o Sergas, tiveron lugar nos últimos tres días. En concreto, o 28 de febreiro perdeu a vida un home de 87 anos na área sanitaria de Santiago e Barbanza e o día 1 de marzo morreu unha muller de 89 anos na área sanitaria de Ourense. Ademais, o mércores faleceu un home de 91 anos na área sanitaria de Ourense e unha muller 85 a de Santiago.

PRIMEIRO CASO

Este 4 de marzo cúmprense dous anos do primeiro caso confirmado de Covid-19 en Galicia, detectado nun home de 49 anos de idade que obtivo positivo por este coronavirus no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac). Este paciente foi atendido no servizo de Urxencias do Chuac, onde se activou o protocolo para coronavirus. O paciente, residente en Madrid, chegou a Galicia nun coche compartido para unha entrevista de traballo e, pola sintomatoloxía que presentaba, acudiu ao servizo de Urxencias do Hospital A Coruña, onde foi ingresado.

Este paciente foi diagnosticado dunha pneumonía de orixe descoñecida, unha patoloxía ante a que o protocolo acordado naquel momento co Ministerio de Sanidade recomendaba facer as probas para coronavirus. Nun primeiro momento, as probas practicadas na Coruña non foron concluíntes, e remitíronse ao Centro Nacional de Microbioloxía en Madrid para a súa análise, onde confirmaron o positivo por este coronavirus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta