O TSXG condena á CRTVG por discriminación de sexo a unha traballadora

A CRTVG deberá aboarlle á xornalista unha indemnización de 6.251 euros en concepto de danos e prexuízos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/03/2022 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

A Corporación de Radio e Televisión de Galicia vén de recibir un novo correctivo xudicial por actuar contra os dereitos fundamentais do persoal ao seu servizo. Desta volta, é o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia quen, no caso dunha traballadora que reclamara o seu dereito á concreción horaria para poder conciliar a vida laboral e familiar, considera que a CRTVG vulnerou "o seu dereito a non ser discriminada por razón de sexo do art.14 en relación co art.39 por obstrución dos seus dereitos de conciliación".

Instalacións da CRTVG
Instalacións da CRTVG | Fonte: CORPORACIÓN DE RADIO E TELEVISIÓN DE GALICIA

Con este fallo, o TSXG revoca en parte a sentenza de primeira instancia dun xulgado de Compostela que, se ben lle recoñecera á traballadora a concreción horaria que esta pedira, non apreciara vulneración de dereitos fundamentais.

O Superior de Galicia vai máis aló e, ademais de manter o pronunciamento de instancia sobre a elección horaria, declara que a CRTVG, que non xustificou a negativa a concederlle á traballadora a concreción horaria solicitada, vulnerou o seu dereito constitucional a non ser discriminada por razón de sexo, ao obstruirlle os dereitos de conciliación.

A sección sindical da CUT na CRTVG, sindicato ao que pertence a traballadora, celebra que esta importante sentenza chegue precisamente ás portas dun novo 8 de Marzo, e lembra que son as malas prácticas empresariais as que obstrúen o cumprimento dunha lei que recoñece claramente a existencia de dereitos asociados á maternidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta