Tellado: "As guerras son menos guerras se encaixan na axenda ideolóxica do BNG ou de Podemos"

O secretario xeral do PP galego acúsaos de "sacar rédito".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/03/2022 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, trasladou este venres "a solidariedade do PPdeG" a Ucraína e o "máis absoluto rexeitamento á invasión imperialista e xenocida" de Rusia, uníndose á condena internacional contra o Goberno ruso e demandando do Executivo de España "o seu apoio incondicional ao pobo ucraíno".

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado | Fonte: PPdeG.

Tellado destacou a acción da Xunta e contrapuxo que "resulta lamentable ver como a esquerda ultra e os nacionalistas volven demostrar o seu seitarismo", afeando que, para eles, "as guerras son menos guerras se encaixan na axenda ideolóxica do BNG ou de Podemos e o sufrimento das persoas é menos sufrimento se eles poden sacar rédito político".

Aínda que a dirección do BNG condenou de forma expresa a guerra, o dirixente popular cuestionou que "estas organizacións non sexan capaces de criticar abertamente a Rusia e se neguen a que España dea o seu apoio ao pobo de Ucraína", lembrando que estes partidos "son os mesmos que aseguran defender a todos os traballadores, pero abandonan a aqueles que traballan en Ence".

"Os que din condenar as ditaduras, pero apoian publicamente a aquelas da súa mesma ideoloxía, como Cuba ou Venezuela; e os que sinalan estar en contra da violencia, pero calan cando son os seus os que a exercen nas rúas", agregou.

Ademais, aludiu á proposta feita esta semana polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, para deter o conflito armado, e esgrimiu que "convidou as partes ao diálogo igualando a agresores e agredidos e pondo ao mesmo nivel ás vítimas e aos verdugos". "Unha broma de mal gusto para os milleiros de mortos e máis dun millón de refuxiados que xa provocou esta guerra", lamentou, para concluír que quedará "nas súas conciencias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Circula polas RR.SS. unha entrevista con Chomsky que cicais non sexa do noso gusto, pero ten bastante sentidiño dende o punto de vista dos que "realmente" están a padecer esta bárbara agresión! https://ctxt.es/es/20220301/Politic... "Puede parecer gratificante arrinconar al oso (Putin) en un rincón desde el que arremeterá a la desesperada, y puede hacerlo. No es sensato" (?) Como valorades este punto de vista? Cicais sabe máis o vello por vello que por demo, ou apostamos á vitoria de David contra Goliat ? É o mundo o que está en xogo ? Que podemos-debemos facer ?