Santiago de Compostela prepara a súa programación como capital da Economía Social

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/03/2022 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

O alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou este venres, nunha rolda de prensa, que o Concello comeza esta semana os traballos da cidade como capital da Economía Social, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Foro Económico e Social e coa Universidade de Santiago (USC), así como co Ministerio de Traballo e Economía Social, dirixido por Yolanda Díaz.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, xunto á responsable de Protección Civil da cidade, Begoña del Río, durante a rolda de prensa deste venres
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, xunto á responsable de Protección Civil da cidade, Begoña del Río, durante a rolda de prensa deste venres | Fonte: Concello de Santiago.

Bugallo avanzou que se traballa nun "programa denso e intenso" e que, por parte do Concello, "está a reflexionarse sobre dous temas fundamentais". O primeiro, explicou, aborda a economía social como alternativa, é dicir, a creación de empresas e emprego que poden derivar deste tipo de políticas que Bugallo cualificou de "interesantes". O rexedor comentou que o obxectivo do goberno local é "visibilizar o papel da economía social", para que a xente pense "neste tipo de fórmulas e xerar as súas propios postos de traballo".

Doutra banda, o segundo tema ao que se referiu o alcalde é o das problemáticas que enfrontan este tipo de iniciativas cando empezan: de espazo, de asesoramento, burocráticos e de financiamento. Nesa liña, sinalou que un dos obxectivos do Concello é "avanzar nunha axuda directa e na posta en marcha de iniciativas" que dean solución a estes problemas, a través de "programas de acompañamento".

"Queremos que esta capital da Economía Social non só sexa un evento de encontros, de seminarios, senón que nos permita avanzar claramente nesta dirección", aseverou o alcalde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta