O BNG esixe á Xunta que negocie coas eléctricas fraccionar o pago das facturas da luz atrasadas

Pide tamén que abra expedientes sancionadores ás eléctricas polo atraso na emisión das facturas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/03/2022 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

A portavoz de Enerxía do BNG, Noa Presas, denunciou o atraso de ata oito meses nas facturas da luz e esixiu á Xunta que negocio coas empresas eléctricas fraccionar os pagos. Así o sinalou Presas durante unha pregunta presentada por ela mesma sobre as actuacións previstas polo Goberno autonómico para incoar expedientes ás entidades responsables na emisión das facturas da luz, no marco da Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos.

Noa Presas
Noa Presas | Fonte: BNG.

Na súa intervención, a parlamentaria nacionalista pediu á Xunta que abra expedientes sancionadores ás eléctricas polo atraso na emisión das facturas xa que, dita factura é "unha das principais preocupacións dos galegos".

Segundo Presas, o mercado "manipula" os prezos e aproveita a confusión dos tramos horarios impostos polo Goberno central para ofrecer "ofertas dubidosas".

"Desde o mes de setembro constatamos episodios recorrentes de atraso nas facturas, algo que neste contexto dificulta moito a xestión económica familiar e das pemes", lamentou, responsabilizando ás empresas de distribución.

Pola súa banda, o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, indicou que a Xunta tamén comparte a preocupación da alza do prezo da luz e enumerou as accións levadas a cabo para dar información sobre a nova factura da luz.

Segundo as súas cifras, desde xuño do ano pasado contabilizáronse máis de 3.270 reclamacións contra as compañías eléctricas, das cales máis de 700 eran pola non emisión da factura da luz, as cales se están xestionando para protexer os dereitos dos cidadáns.

O director xeral de Comercio puxo en relevo que para a Xunta o principal nestes casos é que se restableza o servizo canto antes e que se indemnice ao particular chegando a un acordo de conformidade, para non ter que abrir un expediente sancionador.

Sobre estes, leváronse a cabo uns 130 expedientes ás compañías eléctricas relacionados coas estimacións na factura da luz ou mala práctica na comercialización da mesma, cun importe de 1,7 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta