O servizo de limpeza viaria da Coruña convoca unha folga, que se suma á anunciada na recollida de lixo

Denuncian que a empresa incumpre o acordado no pago de soldos e reclaman que se igualen ao IPC.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 05/03/2022 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

A asemblea de traballadores de FCC, que xestiona o servizo de limpeza nas rúas da Coruña, aprobou na noite deste venres o inicio dunha folga tras reunise coa empresa e non conseguir a suba dos salarios ao índice de prezos de consumo (IPC) que solicitaban. Tal e como explicaron representantes do sindicato STL, a folga convócase tras negarse a empresa a cumprir o acordado en maio de 2021 --a suba dos salarios ao nivel do IPC--.

Colectores sobordan de lixo no barrio de Monte Alto da Coruña pola falta do servizo de recollida de lixo tras a terceira madrugada de incidentes polo conflito do lixo, a 25 de febreiro de 2022
Colectores sobordan de lixo no barrio de Monte Alto da Coruña pola falta do servizo de recollida de lixo tras a terceira madrugada de incidentes polo conflito do lixo, a 25 de febreiro de 2022 | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

A empresa, relatan, propúxolles o pasado mércores os máximos ata os que podían chegar, que o sindicato trasladou na reunión deste venres aos traballadores. A proposta non foi aceptada, "máis que nada porque, se incumpriron unha vez o acordado, quen nos di que non o van a incumprir outra vez".

"Levamos co soldo conxelado tres anos, coa empresa cun balance económico positivo, xa que o Concello pagou. Debería porse o foco en que a empresa non paga o acordado", insisten.

A folga do servizo de limpeza súmase ao paro "inmediato e inminente" no servizo de recollida de lixo convocado polo comité de empresa PreZero-Cespa, cuxo presidente, Luís Varela, anunciou este venres. Segundo explicou, a folga débese a que a frota de camións está "obsoleta", o "incumprimento" do plan de igualdade e a "persecución" sindical por parte da patronal.

"As negociacións están rotas por parte da patronal e a representación social", sentenciaba Varela e engadía que non poden dar datas concretas, pero que a folga se fará efectiva "o máis pronto posible".

O presidente do comité destacou que "non é lóxico" que a empresa "obrigue" aos traballadores a realizar a recollida de lixos con vehículos que teñen "máis de 27 anos" que están "a sufrir avarías constantemente" e provocan "accidentes de traballo" cando PreZero-Cespa "ten camións novos nas instalacións".

Segundo afirmou, hai unha ducia de compañeiros "aproximadamente" con expedientes sancionadores abertos a semana pasada.

A empresa "ratifica" que son por baixo rendemento, mentres que o comité reitera que poden "demostrar con partes do taller" que os camións están a sufrir "numerosas" avarías que non permiten que se finalice o servizo.

Varela presentou aos medios unha auditoría feita en marzo de 2018 "con fotos de camións que non serven" e asegurou que seguen traballando "cos mesmos".

Respecto da "persecución sindical", o presidente do comité asegurou que existen "ameazas e coacción" por parte da patronal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta