Concellos galegos ofrecen 900 vivendas para acoller refuxiados da guerra en Ucraína

A Xunta pide que as axudas se realicen en efectivo a través das ONG no terreo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/03/2022 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, informou de que os concellos galegos xa puxeron a disposición da Xunta e do Goberno central preto de 900 vivendas para acoller refuxiados ucraínos. Así o expresou tras unha reunión de coordinación con Xunta e ONG que se celebrou este luns.

Refuxiados da guerra en Ucraína
Refuxiados da guerra en Ucraína | Fonte: EFE.

O representante dos concellos galegos asegurou que cada día chegan máis ofertas de numerosas localidades, mentres explicou que a esas vivendas teñen previsto sumarlles pavillóns e outros recintos provisionais onde tamén se podería albergar persoas.

Por outra banda, Alberto Varela indicou que tamén reciben chamadas de particulares dispostos a colaborar na acollida de refuxiados. Sobre isto, o presidente da Fegamp dixo que é un tema "moi delicado" porque se trata de persoas "de vulnerabilidade". Por iso, insistiu en que as administracións e organizacións teñen que estar "extremadamente coordinadas" para achegarlles as "mellores garantías" aos refuxiados que cheguen a Galicia.

ACHEGAS EN EFECTIVO A ONG

Así mesmo, a Xunta de Galicia fixo un chamamento á cidadanía para que as achegas de axuda a Ucraína se realicen en efectivo, tal e como llo solicitaron as ONG que traballan no terreo.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, agradeceu o exercicio de "solidariedade" que demostrou a cidadanía galega, pero pediu que as axudas se fagan en efectivo porque as ONG se atopan con problemas de "loxística" e de "distribución", así como con dificultades pola calidade dos produtos.

Así llo demandaron entidades como o Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade ou a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, coas que mantivo un encontro este luns en Santiago de Compostela para tratar de dar unha resposta "coordinada e compartida" á crise humanitaria que se vive en Ucraína.

Xunto a outras institucións como a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), crearon unha comisión de seguimento que aprobará a constitución dun grupo de traballo "permanente", mentres dure a crise humanitaria, que será coordinado pola Xunta en colaboración co resto de entidades participantes nesta reunión.

Gamallo explicou que o obxectivo é "intercambiar información" coas ONG que están no terreo e, a partir de aí, colaborar na solución das problemáticas que xurdan en cada momento.

LIÑAS DE AXUDAS

Así mesmo, Jesús Gamallo anunciou que a Xunta xa ten activadas dúas liñas para axudar ao pobo ucraíno. A primeira, a través de convenios con Farmamundi ou Unicef para enviar axuda a estas entidades e que acheguen, desde o terreo, "a súa experiencia". Neste caso, Gamallo avanzou que a Administración autonómica xa activou unha doazón de 10.000 euros a Farmamundi para o envío de medicamentos.

A segunda liña de colaboración na que traballa a Xunta realízase a través dun convenio entre as administracións autonómicas xunto ao Goberno central para enviarlle diñeiro a Cruz Vermella en Polonia, Romanía e Moldavia, os países que acollen a un maior número de refuxiados.

Ademais, o director xeral trasladou que "nos próximos días" sairá unha convocatoria pública de acción humanitaria por valor de 400.000 euros, a través da cal as ONG poderán presentar proxectos relacionados con axuda á cidadanía ucraína.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta