A folga na recollida de lixo e limpeza viaria na Coruña comezará cando remate a emerxencia sanitaria

Afirman que non queren "empeorar" a situación da cidade.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 07/03/2022 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

O servizo de recollida de lixo e o de limpeza das rúas da Coruña anunciaron este luns en senllos comunicados que irán á folga cando remate a declaración de emerxencia sanitaria decretada polo Concello.

Unha muller pasa por un colector de lixo que soborda no barrio de Monte Alto da Coruña pola falta do servizo de recollida de lixo tras a terceira madrugada de incidentes polo conflito do lixo, a 25 de febreiro de 2022, na Coruña
Unha muller pasa por un colector de lixo que soborda no barrio de Monte Alto da Coruña pola falta do servizo de recollida de lixo tras a terceira madrugada de incidentes polo conflito do lixo, a 25 de febreiro de 2022, na Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

O comité de empresa UTE FCC, concesionaria do servizo de limpeza viaria, informou que tras unha reunión decidiron "por unanimidade" convocar folga "en canto sexa posible", "a fin de non empeorar" a situación da cidade.

Tal e como indicou unha representante do sindicato STL, a convocatoria de folga está "vixente", pero non van concretar unha data ata que "remate" a situación de emerxencia "para que non coincida no tempo".

En canto ás conversas co goberno local, sinalaron que seguen "sen recibir ningún tipo" resposta. "Xa non digo a alcaldesa, pero a concellaría, un técnico, quizá alguén debería de sentar e preguntar", destacou a portavoz do comité.

TRABALLANDO "COMO SEMPRE"

"Agora mesmo", os varredores están a traballar "como sempre" para non "enrarecer" máis a situación, asegurou a representante sindical.

Noutro comunicado nos mesmos termos, o comité de empresa Prezero-Cespa, concesionaria da recollida de residuos sólidos urbanos da Coruña, explicou que despois de manter unha reunión para "debater" sobre as circunstancias actuais, decidiron "por unanimidade" convocar a folga "en canto sexa posible" polo estado de emerxencia sanitaria decretado polo concello "a fin de non empeorar" a situación da cidade.

Na nota, o órgano de representación dos traballadores engadiu que tamén seguen "sen recibir ningún tipo de resposta" por parte do goberno local.

"VISIONADO DAS GRAVACIÓNS"

Respecto da identificación dos autores dos actos vandálicos acometidos na Coruña nas últimas semanas, o delegado do goberno en Galicia, José Miñones, informou este luns que están co "visionado das gravacións" e empezaron a "tomar declaracións".

Miñones indicou que esperan que "nas próximas semanas" poidan ter "xa resolto o conflito", no sentido de saber quen foron os autores das "sabotaxes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta