Desaloxada unha residencia de maiores en Gomesende por un incendio

Un edificio en Vigo tamén foi desaloxado na noite deste pasado luns.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2022 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

Unha residencia de maiores na localidade ourensá de Gomesende e un edificio en Vigo foron desaloxados por mor de senllos incendios rexistrados na noite deste pasado luns. Segundo informou o 112 Galicia, rexistráronse a pasada noite dúas intervencións dos bombeiros por senllas situacións de risco producidas nunha residencia de maiores en Gomesende e nun edificio en Vigo.

No intervalo dunha hora, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia recibiu senllas alertas por incendios, nos que foi necesario desaloxar as instalacións ata que melloraron as condicións de habitabilidade dos inmobles. 

Parque de Bombeiros
Parque de Bombeiros | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo.

No caso da residencia de persoas maiores, en Gomesende, o incendio mobilizou os Bombeiros de Celanova. O fume dunha caldeira de pellets obrigou a evacuar os residentes destas instalacións situadas na parroquia de Fustans, e unha das persoas necesitou asistencia médica, pois presentaba síntomas de intoxicación por inhalación de fume.

Foi o equipo directivo da residencia quen contactou co 112 Galicia para pedir axuda cando foron conscientes do intenso fume acumulado nas estancias. As mesmas fontes indicaron que a orixe era unha estufa que, segundo explicaron os Bombeiros de Celanova, funcionaba mal. Así, procederon a ventilar as instalacións, e, en canto conseguiron disipar o fume, os residentes puideron volver ocupar as súas habitacións.

Ademais do equipo do parque de Celanova, neste operativo participaron axentes da Garda Civil e os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Doutra banda, sobre as 22,00 horas do luns o fume dun incendio nun salón alarmou a veciñanza do número 11 da Rúa Lepanto, en Vigo, que rapidamente abandonaron as instalacións para poñerse a salvo. Tamén avisaron da situación a través do 112 co fin de activar un operativo, no que os bombeiros da cidade fixeron fronte a un lume orixinado no salón dun apartamento.

Neste caso ninguén resultou afectado, aínda que, por precaución, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 enviou ao momento unha UVI móbil. Cando os bombeiros lograron sufocar o lume e disipar o fume, a veciñanza volveu ás súas casas con normalidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta