Loita contra a banca online: "estamos totalmente desprotexidos en caso de estafa"

Unha asociación de afectados por phising e substracción de contas pide a intervención do Estado para esixir reponsabilidades aos bancos. "Pola vía penal

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Os bancos, que no mellor dos tempos non foron nunca entidades moi ben consideradas, sofren nestes meses unha auténtica crise de reputación como consecuencia do salto dixital. Os recortes de persoal que deixan a antigos traballadores na rúa e a chamada exclusión financeira dos maiores ameazan con danar a vista dos despachos acristalados e as mesas de deseño Bauhaus. Un panorama ao que agora se lle une unha nova protesta: as denuncias por estafas online.

Caixeiro automático.. EUROPA PRESS - Arquivo
Caixeiro automático.. EUROPA PRESS - Arquivo

Galicia vén de asistir á creación dunha nova plataforma de Afectados por Phising --estafas online-- que apunta directamente aos bancos por tomar escasas medidas de protección e aos que responsabiliza tamén por desprazar a súa actividade á rede. Así se manifesta Víctor Manuel Besada, da asociación: "estamos obrigados a ter o noso diñeiro nos bancos pero estes non se responsabilizan de nada cando, por causa dunhas medidas de seguridades insuficientes e ineficaces para estes tempos, nos rouban ese diñeiro".

A plataforma, que vén de lanzar unha petición en Change.org para poñer fin á "indefensión" contra as entidades bancarias, dá conta dunha escalada de estafas que tería lugar dende hai máis de cinco anos "sen que as entidades bancarias se preocupen de adoptar medidas que resolvan o problema". "Non fomos os clientes os que decidimos a existencia da banca electrónica, nin das transferencias inmediatas, nin das operacións por medio de robots", incide.

O obxectivo da plataforma pasa por crear un organismo estatal independente que sirva de árbitro nos conflitos xurdidos entre o consumidor e a entidade ante un caso de roubo o phising. A intervención do Estado sería precisa porque, segundo apuntan, as normas do Regulador --Banco de España-- resultan insuficientes e a capacidade dos particulares para enfrontarse a estes xigantes da banca é moi reducida.

"Para a via civil contra os bancos por ser responsables subsidiarios, necesitamos avogado, procurador e enfrontarnos á posibilidade de perder e ter que pagar ademais das nosas, as costas da parte contraria. Os bancos sábeno e non teñen interese en chegar a acordos. É dicir se non tes diñeiro, ou non che sobra, non podes defender os teus dereitos, o que coloca á maioría da poboación nesta situación de indefensión", conclúen.

A asociación Vítimas de Phising está conformada por 107 afectados que, segundo destacan, mantiveron xa encontros coa Valedora do Pobo, o Fiscal Superior de Galicia e os responsables de Atención ao Cliente de ABANCA, así como co Instituto  Galego de Consumo”. Pero o problema segue aberto porque, segundo explican, o papel destas atribucións correspondería ao Estado central, obxectivo da reclamación de Change que veñen de interpoñer.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta