Marchas multitudinarias no 8M para reclamar dereitos "xa" para as mulleres

Nun 8M sen folga, miles de persoas participan en 30 manifestacións, como a que encheu o Obradoiro sen que puidesen entrar todas as asistentes

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/03/2022 | Actualizada ás 21:33

Comparte esta noticia

Miles de persoas volveron tinguir de violeta este martes as rúas de máis dunha trintena de localidades galegas para reivindicar o Día Internacional da Muller. Baixo o lema 'Nin escravas nin heroínas, mulleres con dereitos xa!', o colectivo feminista agrupado na plataforma 'Galegas 8M' unificou as concentracións deste 8M en toda Galicia.

Manifestación do 8M de 2022 en Santiago
Manifestación do 8M de 2022 en Santiago | Fonte: ÁLVARO BALLESTEROS - Europa Press.

Na capital galega, desde a Praza 8 de Marzo unha marea humana, que a moitos lembrou á multitudinaria manifestación do ano 2018, percorreu as rúas ata a emblemática Praza do Obradoiro. Polo camiño, numerosos cánticos reivindicativos como "Non é non, o demais é violación" ou "Non somos histéricas, somos históricas".

A nota máis musical correu a cargo dun grupo de nais e nenos que frearon en varios puntos do percorrido para cantar e bailar 'Ai mamá', a canción coa que Rigoberta Bandini competira para ir a Eurovisión.

Xa no Obradoiro a gran manifestación foi recibida coa música das Tanxugueiras, das que ademais se viron varias pancartas coas súas letras como 'Esas bravas gorxas veñen para quedar'. Unha chegada ao Obradoiro que se desenvolveu moi lentamente, xa que a cabeceira da manifestación tivo problemas para avanzar ao entrar pola compostelá Rúa do Franco, debido á gran cantidade de xente que participou.

Cunha gran multitude, aínda que non a totalidade das que percorreran as rúas de Santiago, entre o Pazo de Raxoi e a Catedral varias portavoces do colectivo convocante leron o manifesto no que o colectivo feminista reivindicou o papel das mulleres como "coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas", figuras que "sosteñen a vida" mentres "o capital paga todo ese traballo con violencias".

"MÁIS POLÍTICAS PÚBLICAS"

Ademais, tamén esixiron o fin da violencia contra as mulleres, un obxectivo para o que pediron "todos os recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos" e que se aposte pola loita contra a trata".

Outra das demandas que máis forte soaron foi que "as políticas públicas sexan deseñadas polos feminismos", que se erradique a "lóxica patriarcal do poder" que "reproduce o sistema educativo" ou que se eliminen os "contidos sexistas" do ámbito da comunicación e da cultura.

Ademais de en Santiago, este martes o feminismo tamén encheu as rúas das sete grandes cidades galegas, así como en máis dunha vintena de localidades, como Allariz, Vilagarcía de Arousa ou Monforte de Lemos.

"SOCIALISMO CO FEMINISMO"

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, participou na manifestación de Santiago de Compostela e aproveitou para destacar que "o socialismo está co feminismo".

Nesa mesma liña, González Formoso sinalou que o feminismo é a forma de "garantir e avanzar" en dereitos e insistiu en que o socialismo "estará co feminismo" nese camiño.

O líder dos socialistas galegos encabezou a delegación do PSdeG, detrás dunha pancarta na que se podía ler 'Contra a mercantilización das mulleres, abolición'.

Por último, Formoso valorou que aínda queda "moito camiño por andar", a pesar dos "grandes avances" que, ao seu xuízo, supuxeron as medidas adoptadas polo PSOE en todo o Estado.

Entre a multitude tamén se puido ver a outros representantes políticos como Goretti Sanmartín, portavoz do BNG no Concello de Santiago e a outras figuras destacadas do feminismo galego, como a activista Luz Fandiño.

EDUCACIÓN SOCIAL FEMINISTA

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia tamén se sumou este 8 de marzo ás manifestacións convocadas en toda Galicia pola plataforma 'Galegas 8M'.

Así, no que respecta ao seu ámbito, a Ceesg apostou este 8 de marzo pola "incorporación da perspectiva de xénero" no seu desenvolvemento profesional, para tratar de construír unha "educación social feminista" que favoreza unha sociedade "igualitaria, xusta e equitativa".

O Colexio explicou que entenden a Educación Social como un "dereito esencial" para a cidadanía polo que consideran que a profesión debe ter unha "profunda base feminista", que aposte pola igualdade "real" entre as persoas e o respecto á "diversidade".

A PANDEMIA DO XORNALISMO, A DESIGUALDADE

Pola súa banda, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia publicou un manifesto, redactado pola xornalista Isabel Bravo, con motivo do Día Internacional da Muller. As xornalistas galegas remarcan que "a gran pandemia" da profesión é "a desigualdade". Por iso consideran que o 8M podería ser unha oportunidade para reclamar, desde as entidades profesionais e as institucións, un estudo para cuantificar a "desigualdade de xénero" na profesión.

O manifesto destaca que si hai cifras das mulleres que ostentan a dirección dos principais xornais de Galicia: "Só dous". Con estes datos, o Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia esixe que "rompan os teitos de cristal".

Nesta liña, tamén denunciaron que a pandemia deixou unhas 10.000 mulleres fóra do mercado de traballo e supuxo o regreso de moitas ao fogar para coidar aos máis pequenos e aos maiores. Entre esas 10.000 expresaron que tamén hai "moitas xornalistas", xa que "a carga dos coidados" recae "fundamentalmente" nas mulleres e no mundo da comunicación consideran que é unha "realidade constatable".

O texto apunta tamén a falta de "perspectiva de xénero" e de "igualdade de oportunidades" no xornalismo e, nese sentido, lamentan que non haxa "ningunha estatística oficial" que poña cifras á precariedade neste oficio, máis concretamente, nas mulleres que o exercen.

O manifesto advirte tamén que mulleres xornalistas con "postos de traballo consolidados" deixaron a profesión e "outras moitas" víronse obrigadas polas súas empresas a recortar as súas xornadas laborais ou ir a un ERTE que despois acabou en despedimento. Así mesmo, denuncian que o teletraballo demostrou un "rostro incompatible" coa conciliación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta