Galicia incrementa a máis de 1.400 as prazas de acollida para refuxiados ucraínos

Feijóo pedirá na Conferencia de Presidentes a aprobación dun plan estatal para coordinar as axudas. A Xunta prevé aumentar o orzamento do bono social eléctrico se é necesario.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2022 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

Galicia incrementa a máis de 1.400 as prazas de acollida para persoas refuxiadas ucraínas debido á invasión realizada por Rusia, o que supoñen 400 máis que a semana pasada. A Xunta de Galicia remitiu este mércores ao Goberno central a ampliación da oferta galega de acollida, procedentes tanto de concellos como de entidades sociais e particulares.

O Goberno, a través do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, será o encargado de coordinar a chegada de persoas e distribuílas polas distintas comunidades autónomas en función da dispoñibilidade de cada unha.

Nun comunicado, o Executivo galego explicou que os datos sobre esta situación se actualizan conforme os distintos axentes amplían o número de recursos e casas ofertadas. En Galicia, os centros postos a disposición pola Xunta son: as Residencias de Tempo Libre de Panxón e Carballiño; o Centro de Formación e Experimentación Pedro Murias de Ribadeo; o albergue xuvenil de Portomarín; as Casas do Mar de Burela, Celeiro-Viveiro e A Coruña; o Centro de acollida para vítimas de violencia de xénero de Vigo; e os centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo.

Estas prazas súmanse ás 432 camas en hospitais das sete áreas sanitarias para acoller a poboación de Ucraína con necesidades de atención sanitaria. Delas, 113 serán para pacientes pediátricos, 15 para nenas e nenos con necesidades de tratamento oncolóxico e o mesmo número para neonatos. Respecto dos adultos, das 319 prazas dispoñibles para eles, un total de 25 serían para pacientes oncolóxicos en tratamento.

FEIJÓO PIDE COORDINACIÓN NACIONAL

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, solicitou o pasado luns, por carta, ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a aprobación dun plan estatal de acollida para persoas refuxiadas, en coordinación coas comunidades autónomas, que "canalice adecuadamente" as mostras de solidariedade da sociedade. Ademais, Feijóo pediu que este asunto se aborde na Conferencia de Presidentes que se celebrará o vindeiro domingo en Palma, así como outros temas como a crise enerxética, a ruptura da cadea de subministracións ou a inflación, situacións que se intensifican coa guerra en Ucraína.

ACCIÓN HUMANITARIA

Así mesmo, o Goberno galego realizará unha convocatoria pública de acción humanitaria por valor de 400.000 euros para canalizar a axuda a Ucraína a través das entidades sociais galegas e farase un inventario, mediante a Fegamp, dos lugares de referencia de recollida e almacenaxe de material para ter coñecemento do seu volume e contido.

A Xunta acordou cos concellos galegos e coas entidades sociais darlles prioridade ás doazóns en efectivo fronte as axudas en especia polos problemas de loxística que estas expoñen. Estas medidas institucionais súmanse ás propostas por distintas entidades, como o Ateneo de Santiago, que abriu unha conta bancaria a través da cal se poderá doar para esta causa, ou o Seminario Menor A Inmaculada de Ourense, que acollerá desde o próximo 14 de marzo a 55 persoas ucraínas.

Refuxiados da guerra en Ucraína
Refuxiados da guerra en Ucraína | Fonte: EFE.

BONO SOCIAL ELÉCTRICO

Doutra banda, o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, asegurou que a Xunta aumentará o orzamento para o bono social eléctrico se é necesario, por mor da crise enerxética e a inflación acentuada coa guerra de Ucraína. En declaracións este mércores, Conde sinalou que este bono busca evitar os cortes de luz, de forma que a Xunta habilita axudas para que o "impacto sexa o menor posible" entre as familias máis vulnerables. "Sempre adaptamos as necesidades orzamentarias á propia demanda", explica. "Se fose necesario aumentar o orzamento, aumentaríase", asegura sobre o bono eléctrico. 

CIDADES PATRIMONIO DA HUMANIDADE

A Asemblea de Cidades Patrimonio da Humanidade de España --entre as que está Santiago de Compostela-- acordou unha declaración conxunta para condenar "a agresión militar sufrida por Ucraína por parte da Federación Rusa, que está a provocar o éxodo masivo da poboación e a inxusta e irreparable perda de vidas humanas". Na declaración, ademais de reflectir o apoio "sen fisuras" ao pobo de Ucraína e "a calquera actuación da comunidade internacional para restablecer a paz", o Grupo pide a protección do patrimonio ucraíno "dos efectos devastadores da guerra".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta