A Xunta gábase pola "menor cifra da serie histórica" de paro entre as mozas

A conselleira de Emprego e Igualdade anuncia que a nova lei de igualdade incluirá un estatuto da muller rural e outro da muller do mar. .

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2022 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

Galicia terminou o pasado mes de febreiro con menos 10.000 mulleres menores de 30 anos no paro, o que supón a "menor cifra de toda a serie histórica" neste colectivo. Así o resaltou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que participou este mércores no pleno do Parlamento galego para responder a varias cuestións asociadas coa área de igualdade, un ámbito que centrou boa parte da sesión celebrada na semana do 8 de marzo.

Na Cámara, Lorenzana subliñou que as mulleres novas constitúen "un colectivo dobremente prioritario" para o seu departamento, que conta con dúas liñas de apoios específicos para a súa incorporación ao mercado laboral. Trátase dos plans 'Emprega muller' e 'Emprega Mocidade', dotados con 34,3 e 51,8 millóns de euros, respectivamente.

A conselleira apelou a continuar traballando desde as administracións para fomentar a incorporación das mulleres novas ao mercado laboral, un ámbito no que resaltou a consecución de "avances", como que "case a metade" das novas ocupadas en 2021 eran menores de 30 anos.

NOVOS ESTATUTOS PARA A MULLER

Por outra banda, en resposta a preguntas formuladas polos grupos da oposición, Lorenzana apuntou que a nova lei de igualdade incluirá un estatuto da muller rural e outro da muller do mar. Todo iso para dotar dunha "regulación superior" e dun "maior amparo legal" a estes colectivos, cuxa incorporación e participacion se tratará de fomentar coa aposta polo asociacionismo e a creación de redes de titulares de explotacións agrarias.

PLAN ESTRATÉXICO DE IGUALDADE

Por último, a conselleira tamén lembrou que a Xunta traballa na elaboración do VIII Plan estratéxico para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes de Galicia. Trátase, en palabras de Lorenzana, dun "instrumento transversal" para os próximos cinco anos que pretende "dar respostas ás necesidades xurdidas da tripla crise da covid-19: sanitaria, social e económica".

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, comparece na Cámara galega
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, comparece na Cámara galega | Fonte: Conchi Paz - Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta