A crise de Ucraína e as prioridades de 2022 centran o encontro da Xunta coa Comisión Europea

Algúns temas expostos foron a proposta de eliminación de subvencións aos combustibles fósiles, a estratexia forestal europea ou a revisión da Rede Transeuropea de Transporte.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2022 | Actualizada ás 21:32

Comparte esta noticia

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou este mércores o segundo encontro virtual do ano do ciclo FGE NextGeneration Galicia, o punto de encontro mensual establecidos pola Fundación Galicia Europa entre a Xunta e a Comisión Europea. Nesta ocasión, estivo dedicado a abordar o programa de traballo da Comisión para o ano 2022.

Gamallo fixo repaso dos temas abordados neste ciclo, desde a súa posta en marcha hai máis dun ano e medio, como as transicións verde e dixital, a reforma do marco normativo das axudas de Estado e a cuestión demográfica. Así mesmo, mostrou a súa satisfacción pola utilidade dos encontros á hora de intercambiar ideas, identificar oportunidades e informar á Comisión Europea acerca das áreas nas que Galicia xa está a traballar.

PRIORIDADES GALEGAS

Pola súa banda, a directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, expuxo as prioridades galegas sobre algúns dos expedientes que están a debate na axenda europea, como a proposta de eliminación de subvencións aos combustibles fósiles, a estratexia forestal europea ou a revisión da Rede Transeuropea de Transporte.

Ramos destacou tamén o reto que afronta este ano a Administración autonómica en relación ao orzamento comunitario, xa que debe ultimar a execución dos fondos estruturais 14-20 e o complemento de REACT-UE, ademais de executar as transferencias do Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia e programar o novo período 2021-2027.

Para facilitar esta tarefa, a fundación prevé organizar dúas novas edicións do seu curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa e publicar unha guía de financiamento comunitario 21-27.

Bandeiras da UE na sede da Comisión Europea en Bruxelas. ALEXEY VITVITSKY / SPUTNIK / CONTACTOPHOTO
Bandeiras da UE na sede da Comisión Europea en Bruxelas. ALEXEY VITVITSKY / SPUTNIK / CONTACTOPHOTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta