O Concello da Coruña aproba os seus orzamentos cos votos a favor de PSOE e Marea Atlántica

O Partido Popular vota en contra, mentres o BNG e Podemos abstéñense.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2022 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O pleno do Concello da Coruña, reunido este xoves nunha sesión de carácter extraordinario, aprobou o orzamento municipais para o ano 2022 cos votos a favor do goberno local e Marea Atlántica. O PP votou en contra, mentres que o BNG e a concelleira non adscrita e militante de Podemos, Isabel Faraldo, abstivéronse.

Os orzamentos municipais ascenden a 310 millóns de euros, un 19% máis respecto ao actual. Unha vez aprobado o documento ábrese un período de exposición pública para a presentación de alegacións e a súa entrada en vigor prevese ao longo do mes de abril. O portavoz municipal e concelleiro de Facenda, José Manuel Lage Tuñas, defendeu durante a sesión que os orzamentos "inclúen" propostas de todas as forzas políticas e lembrou que o que se dirime "non é o apoio a un goberno, é un apoio aos cidadáns".

A portavoz de Marea Atlántica, María García, destacou que nun momento como o actual, no que as consecuencias da crise sanitaria están "a verse agravadas" pola "brutal invasión" de Ucraína por parte de Rusia, é "necesaria" unha administración "forte" e "con políticas áxiles", que se centre no que "verdadeiramente importa". García explicou que o entendemento co PSOE "non sempre é fácil" porque son forzas políticas distintas, con "modelos diferentes de cidade", pero neste caso foron capaces de chegar a un acordo que "deu os seus froitos".

"CONFIANZA CEGA"

Faraldo indicou que a convocatoria deste pleno, máis que de urxencia, foi "de precipitación" e asegurou que a súa abstención se debe a que votar a favor sería "facer un exercicio de confianza cega". A militante de Podemos criticou a "falta de consideración e de respecto" por parte do goberno local aos grupos da oposición.

Nunha das súas intervencións, o BNG manifestou a súa intención de "non obstaculizar" a tramitación das contas polo que os seus dous edís abstivéronse na votación. O seu portavoz municipal, Francisco Jorquera, explicou que un "bo" proxecto de orzamentos ten que ser "crible", pois "teñen motivos" para "dubidar" da "solvencia" do Goberno local á hora de "materializar" as súas previsións. "Non podemos votar a favor", razoou.

O portavoz nacionalista criticou tamén o "procedemento antidemocrático" co que o executivo tramitou os orzamentos, "sen darlle tempo" á oposición a acceder á documentación coa "suficiente antelación" para formarse unha "opinión cabal" do seu contido. A portavoz do Grupo Popular, Rosa Galego, destacou que o orzamento é un "atropelo" e non cumpre "a primeira premisa" do seu partido que é "baixar impostos".

O pleno municipal do concello da Coruña, reunido este xoves nunha sesión de carácter extraordinario, aprobou os Orzamentos Xerais para o ano 2022. ANDY PÉREZ/CONCELLO / Europa Press
O pleno municipal do concello da Coruña, reunido este xoves nunha sesión de carácter extraordinario, aprobou os Orzamentos Xerais para o ano 2022. ANDY PÉREZ/CONCELLO / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta