Feijóo cancela unha viaxe como presidente da Xunta para centrarse na campaña do PP

Iso a pesar de insistir en que está "cumprindo coas súas obrigas" e non concretar cando deixará o Goberno galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/03/2022 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e candidato a liderar o PP, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves que seguirá dedicado "até o último instante" aos asuntos de Galicia e que a súa substitución á fronte do Goberno autonómico e o partido en Galicia son procesos que "teñen os seus tempos e iranse anunciando nos foros adecuados". Con todo, tamén confirmou que cancelou unha viaxe como presidente da Xunta países latinoamericanos para centarse na súa campaña no PP.

"É o que vou seguir dicindo porque é o que penso e vou facer, para non facer cousas estrañas. Garantimos o funcionamento da comunidade e imos seguir gobernando con normalidade (...) Seguirei cumprindo as miñas obrigas e os meus compromisos", insistiu ao ser preguntado pola súa saída da Xunta.

Durante a súa intervención revelou que este mesmo xoves tiña previsto iniciar unha viaxe institucional a Uruguai e a Colombia até o próximo día 20, e con todo, agora fará unha viaxe por España -para facer a súa campaña como candidato do PP- á vez que esta fin de semana participará na Conferencia de Presidentes na Palma, polo que asegurou que non terá "distracción de horario nin de calendario" respecto dos asuntos de Galicia.

Preguntado por se unha muller pode ser a súa sucesora á fronte da Xunta, Núñez Feijóo dixo que "claro que pode", xa que no Grupo Parlamentario Popular hai "deputados e deputadas", condición esixida para someterse á votación. Este requisito, con todo, exclúe a todas as conselleiras, xa que ningunha é deputada. Tan só dous integrantes do goberno autonómico son parlamentarios, os dous vicepresidentes, Alfonso Rueda e Francisco Conde.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

VALENCIA E MURCIA

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abrirá este venres en Valencia e Murcia a súa xira por España para presentar o seu proxecto aos afiliados e que lle levará durante 10 días a percorrer as 17 comunidades autónomas. Ademais, de explicar as súas propostas para o futuro da formación, o seu obxectivo é escoitar as achegas dos militantes.

O sábado, a súa axenda levarao a Santa Cruz de Tenerife  e despois desprazarase ata A Palma para participar o domingo na Conferencia de Presidentes xunto ao presidente do Goberno e o resto de dirixentes autonómicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta