Aprobado o novo plan estratéxico de Galicia, co reto de baixar o paro ao 8% en 2030

Prevé un crecemento medio sostido ata 2030 de entre o 2 e o 2,5% anual

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/03/2022 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou na súa reunión semanal deste xoves o Plan Estratéxico 2022-2030, cuxo contido xa fora avanzado polo xefe do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, e que aspira a "deseñar a Galicia do futuro" e conseguir "unha recuperación sustentable, competitiva e inclusiva".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na reunión do Consello do 29 de outubro de 2021
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na reunión do Consello do 29 de outubro de 2021 | Fonte: Xunta de Galicia.

Nunha rolda de prensa na que compareceu acompañado polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e no que recoñeceu o traballo do departamento con el á fronte e tamén co seu antecesor, o falecido Valeriano Martínez, no desenvolvemento do plan, Feijóo erixiuno en "documento de país" e nunha "ferramenta útil" para seguir no avance.

Os "anos de experiencia", remarcou o presidente galego, avalan, baixo o seu punto de vista e tras conseguir catro maiorías absolutas consecutivas, a evidencia de que "sen planificación só pode haber improvisación", e non funciona de forma adecuada de xestión.

Corgos e Feijóo repasaron as "principais prioridades" do plan, que prevé un crecemento medio sostido ata 2030 de entre o 2 e o 2,5% anual e que nesta década se reduza 4 puntos a taxa de paro, de forma que cara ao ano 2030 baixe ata a contorna do 8%.

Ademais, o xefe do Executivo galego destacou entre os obxectivos que marca esta estratexia a promoción dunha sociedade innovadora, competitiva, solidaria e cohesionada, así como favorecer os valores diferenciais de Galicia como motores de desenvolvemento.

E, ademais, pretende "garantir unha senda previsible, rigorosa e estable de actuación do Goberno para desengancharse da débeda pública no orzamento do ano 2025 e volver ao déficit cero".

Nesa liña, este Plan Estratéxico conta con cinco eixos transversais que marcarán a Galicia de 2030: o reto demográfico e o benestar; a Galicia verde e sustentable; a competitividade e o crecemento; a cohesión social e territorial, e a gobernación.

CONVERXENCIA "PLENA" CON ESPAÑA

Durante a presentación do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, Corgos subliñou que este Plan prevé que Galicia reducirá o cociente débeda/PIB en cinco puntos nesta década, ata a contorna do 13%.

Tamén remarcou que as metas a conseguir en 2030 son "a converxencia plena" con España en termos de renda bruta dispoñible per cápita dos fogares, reforzar a saúde e a calidade de vida, consolidar o sistema educativo "entre os mellores de España", avanzar cara á neutralidade climática, e aumentar o peso das enerxías renovables.

Igualmente, referiuse ao reto de "potenciar o peso do sector industrial e mellorar a competitividade", favorecer "unha Galicia dixital e innovadora", así como "continuar reducindo a taxa de exclusión social", e garantir unha Galicia sen fendas de xénero.

A Xunta defende que o Plan Estratéxico 2022-2030 é "máis que un plan de Goberno", xa que supón unha estratexia "amplamente consensuada" coa sociedade civil durante tres roldas de participación de expertos e representantes de todos os sectores produtivos, e que será remitido ao Parlamento para o seu debate.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta